Gadisa Retail pecha 2024 con 8.800 traballadores e 1.640 millóns de euros de facturación
A empresa destaca que este crecemento sostido se traduciu en 322 novos postos de traballo

A división de alimentación e distribución de Gadisa Retail alcanzou en 2024 unha facturación bruta de 1.640 millóns de euros, sen incluír actividades noutros sectores.
Nun comunicado, a empresa destaca que este crecemento sostido se traduciu en 322 novos postos de traballo, o cal eleva o equipo humano ata 8.880 persoas, aos que suma máis de 1.000 empregos vinculados á súa rede de franquías Claudio e Claudio Express.
Ademais, reivindica que a súa achega ás arcas públicas superou os 160 millóns de euros, unha contribución diaria que sitúa próxima ao medio millón e que reflicte o impacto real e directo da súa actividade na economía galega.
Os fondos propios, apunta, tamén creceron 714,71 millóns de euros, un 13,66 % máis que o exercicio anterior, o cal reflicte a solidez financeira da compañía.
No referente á estratexia de modernización, Gadisa Retail indica que aumentou o seu investimento un 80,86 % respecto ao ano anterior, ata alcanzar os 24,94 millóns de euros.
"Este esforzo permitiu ampliar e renovar puntos de venda, modernizar centros loxísticos e reforzar as instalacións estratéxicas", segundo informa.