Publicador de contidos

Publicador de contidos

Foxe tras arrasar a terraza dun bar, sete colectores do lixo e dous bolardos en Lugo

Foxe tras arrasar a terraza dun bar, sete colectores do lixo e dous bolardos en Lugo

O condutor afirmou que perdeu o control do vehículo ao cruzárselle na estrada “un can ou un gato”

Policía Local de Lugo
G24.gal 03/08/2023 10:08

Un condutor borracho, que case triplicou a taxa de alcol permitida despois de fuxir do lugar do accidente, levou por diante a pasada madrugada co seu coche parte da terraza dun local de hostalería, ademais de danar sete colectores do lixo e dous bolardos nunha avenida da cidade de Lugo.

O accidente produciuse á altura do número 83 da avenida das Fontiñas. Dúas patrullas do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local e unha Unidade de Atestados desprazáronse ao lugar do sinistro.

Os axentes comprobaron que un coche ao saír da estrada chocara contra a terraza dun local de hostalería. Desprazouse uns trinta metros, polo que levou por diante as mesas e as cadeiras do establecemento, ademais de danar sete contedores e dous bolardos.

O condutor non estaba no lugar do sinistro, polo que unha patrulla púxose a buscalo e localizouno case de inmediato, con síntomas evidentes de ter bebido. Ao ser sometido á proba de alcoholemia deu unha taxa positiva de 0,73 miligramos de alcol por litro de aire expirado, case tres veces máis do permitido pola lei (0,25), de modo que está investigado por un delito contra a seguridade do tráfico.

Ademais, o condutor foi denunciado por presentar un permiso de conducir estranxeiro non homologado. De feito, o documento foi intervido para a súa posterior “análise e investigación”.

En canto á causa do accidente, o condutor afirmou que perdeu o control do vehículo ao cruzárselle na estrada “un can ou un gato”. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade