Fer López vestirá de celeste ata o 2028
O canteirán do Celta (20 anos) remataba contrato o vindeiro mes de xuño
Foi un dos destacados a temporada pasada do Celta Fortuna
Fer López (2004) seguirá vestindo de celeste ata o ano 2028. O canteirán, que remataba contrato o vindeiro mes de xuño, prolongou o vencello durante catro campañas máis. Nesta terá a obriga de liderar o proxecto do Celta Fortuna pero a ollada de Fer e do club está no primeiro equipo. Un xogador dun gran talento que pode dar xornadas de gloria ao cadro vigués.
"𝑨 𝒎𝒊𝒏̃𝒂 𝒖́𝒏𝒊𝒄𝒂 𝒐𝒑𝒄𝒊𝒐́𝒏 𝒆𝒓𝒂 𝒒𝒖𝒆𝒅𝒂𝒓𝒎𝒆 𝒂𝒒𝒖𝒊́"
— Canteira Celeste (@CanteiraCeleste) July 27, 2024
🎙️ Escoita as primeiras verbas de Fer tras asinar o seu acordo de renovación ata 2028.#FerLópez2028 pic.twitter.com/6Fqzuz8oWK
Sen facer moito ruído Fer López, un mediapunta alto e con moita calidade, foise convertendo en alicerce de todos os conxuntos das categorías inferiores, desde o alevín ata o xuvenil de División de Honra. A pasada campaña, a primeira no filial, gañouse un oco malia a competencia, disputou 33 partidos (13 como titular) e marcou 7 goles, moitos deles de fermosa factura.
Sen Alfon, Raúl Blanco ou Pablo Durán a entidade confía en Fer López para liderar o xogo ofensivo do Fortuna e ir entrando nalgunha citación co primeiro equipo porque Claudio Giráldez é perfecto coñecedor das súas posibilidades.