Publicador de contidos

Publicador de contidos

Galicia recomenda xuntanzas de dúas unidades familiares como máximo

Galicia recomenda xuntanzas de dúas unidades familiares como máximo

A Xunta non fará prohibicións de cara ás comidas do Nadal

O Executivo trasladará ao comité clínico a conveniencia de celebrar cotillóns e só celebrar cabalgatas estáticas

G24.gal 22/12/2021 18:01

Galicia volverá reunir a semana próxima ao Comité Clínico que asesora na xestión da pandemia para debater sobre "a conveniencia" de celebrar cotillóns de Noitevella e a comunidade tamén puxo sobre a mesa a posibilidade de que as cabalgatas de Reis só se celebren de forma estática.

Así o sinalou o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, tras a Conferencia de Presidentes na que aclarou que Galicia non adoptará medidas “adicionais” en hostalería, nin canto a capacidade nin canto a horarios, pero si fará en cambio recomendacións respecto de Noiteboa e Nadal, para que as ceas se reduzan no posible a unha única unidade familiar e, en todo caso, a dúas.

No caso dunha única unidade familiar, o risco de contaxio de coronavirus é "practicamente inexistente" e, se son dous, "controlado". Pero a partir de aí, o que hai é "maior descontrol e risco", salientou o tamén líder do PPdeG.

Cantas menos persoas se reúnan mellor; se pode ser unha unidade ou dúas unidades, mellor que tres ou catro”, sinalou o presidente da Xunta que, en todo caso, subliñou que esta cuestión é “unha recomendación, non unha obriga”.

Así as cousas, os primeiros días da próxima semana reunirase de novo o comité clínico para abordar as festas de fin de ano, xa que no Goberno galego “este asunto parécenos que é importante porque a partir dunha hora da madrugada a interacción social é moito maior”. Por iso, "a Xunta buscará que o comité nos dea luz e criterio con estas festas".

Tamén se pedirá opinión sobre as cabalgatas de Reis, posto que “acoden os nenos”, que xustamente é a poboación que non está vacinada, polo que parece razoable estudar modelos nos que non haxa desfiles e os nenos estean sentados.

“Como temos tempo, ímolo analizar os primeiros días da próxima semana”, sentenciou o presidente galego.

Feijóo lamenta que a Conferencia de Presidentes non fixase unha "resposta común"

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reprochou este mércores que a Conferencia de Presidentes non sirva para fixar unha “resposta común” ante a sexta onda da covid-19.

Nunha rolda de prensa tras a reunión de presidentes, o presidente galego sinalou que lle sorprende que a pesar deste encontro o Goberno “renunciara” a dar unha resposta común á situación sanitaria a pesar de que existen comunidades que xa afrontan unha situación “moi tensa”.

“Laméntoo porque no fondo o que fai o Goberno central é ir contra os seus propios expertos” porque, segundo dixo Núñez Feijóo, na reunión do martes a Comisión de Saúde Pública, que reúne a técnicos do Ministerio e das comunidades autónomas, aconsellou niveis de restricións en función da situación sanitaria pero “hoxe o Goberno non quixo falar disto en ningún caso”.

Así as cousas, o presidente da Xunta incidiu no carácter “explosivo” da nova variante do virus, polo que “sería bo poñer en marcha unha resposta ponderada con medidas proporcionais e proporcionadas”.

O principal punto de acordo entre o Goberno central e os mandatarios autonómicos foi relativo a acelerar o ritmo de vacinación, e o presidente da Xunta dixo que Galicia está en condicións de adiantar en case un mes todas as datas que propoñen desde Moncloa para inocular a terceira dose e tamén para a vacinación dos nenos.

De feito, remarcou que a Comunidade galega xa cumpriu cos obxectivos marcados a nivel nacional sobre vacinación para este ano porque a Xunta entende que a vacinación é a "medida máis eficaz" para salvar vidas, evitar o colapso e reactivar a economía.

Neste sentido, pediu Feijóo poder adiantar a dose de reforzo ao tres meses unha vez completada a pauta para toda a poboación.

Respecto ao reforzo dos dispositivos de vacinación con equipos das Forzas Armadas, Galicia recibirá o respaldo de nove profesionais de enfermería e un condutor da unidade móbil.
 

Minuto a minuto

20:11

Feijóo asegura que a variante ómicron coincide cos quince días de maior interacción social do ano

20:13

O presidente da Xunta asegura que a explosión de contaxios non está tendo un grande impacto na presión asistencial

20:14

Núñez Feijóo di que, ante esta situación, trasladaron medidas proporcionais e proporcionadas "e se fora posible con medidas similares ao conxunto de España"

20:18

"A medida máis eficaz son as vacinas, a incidencia é máis baixa nos maiores", afirma Feijóo

20:19

"Galicia está a liderar o proceso de vacinación en España", sentencia o presidente da Xunta

20:20

Galicia propuxo adiantar aos tres meses a vacinación da terceira dose en todos os grupos de idade "aválannos os expertos, os datos, a actuación doutros países que o están facendo e as autoridades europeas"

20:21

Galicia vai por diante nos obxectivos de vacinación que propón o Goberno, asegura Alberto Núñez Feijóo

20:23

Feijóo asegura que se van intensificar as probas diagnósticas: "Durante as festas de Nadal deberiamos facer tests nos aeroportos a todas as persoas que veñan de calquera comunidade autónoma". Dixo que se intensificarán estas probas en aeroportos e estacións de ferrocarril, volveranse facer os cribados poboacionais e ofreceranse PCR sen cita previa

20:27

As máscaras no exterior serán obrigatorias no ámbito urbano, pero non no rural onde a densidade de poboación non fai necesaria esta medida, dixo o presidente da Xunta

20:31

Feijóo, de cara ás celebracións do Nadal: "cantas menos persoas se reúnan para xantar, mellor. Se pode ser unha ou dúas unidades familiares, mellor que tres, catro ou seguintes unidades familiares. Se imos cear coa nosa unidade familiar o risco será practicamente inexistente, se é con outra unidade familiar o risco parécenos controlado. A partir de aí parécenos máis descontrol e maior risco". Asegura que é unha recomendación, pero non unha prohibición.

20:34

A Xunta levará ao Comité Clínico limitacións de cara á celebración de cotillóns e á organización das cabalgatas de Reis ordinarias

20:38

Feijóo asegura que manifestou a súa vontade de facer unha Lei Orgánica de Pandemias e a contratación de máis persoal sanitario

20:41

A maioría de presidentes autonómicos pediron tamén un Fondo Covid, afirma Alberto Núñez Feijóo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos