Feijóo eleva a presión sobre Sánchez e pide a súa comparecencia urxente no Congreso
Quere que explique a presunta implicación de Leire Díez nunha operación contra a UCO
A militante do PSOE estivo á fronte do voto por correo nas últimas eleccións xerais
Catro ministros do executivo difunden unha información falsa, cando xa sabían que fora rectificada polos medios
Pedro Sánchez cumpre sete anos na Moncloa no medio da ofensiva política que recrúa co paso das horas. O PP rexistrou no Congreso a petición para que compareza no pleno e explique a "guerra sucia" de Leire Díez. A Moncloa pide paciencia para coñecer a verdade. Pero os datos acumúlanse na prensa. Este luns, soubemos que a militante socialista estivo ao cargo do voto por correo nas últimas eleccións xerais, desde o seu posto de responsable da Dirección de Produtos e Servizos, de Correos.
En Podemos piden explicacións por ese caso pero tamén arremeten contra a difusión dunha loiada por ata catro ministros. María Jesús Montero, Pilar Alegría, Óscar López e Ángel Victor Torres insistiron en facerse eco dunha noticia falsa que vinculaba un exaxente da UCO coa idea de poñerlle unha bomba lapa a Pedro Sánchez, cando xa sabían que a información fora rectificada polos medios que a publicaron.
O ministro de Transformación Dixital descarta rectificar por que "non verán vostedes un corte meu con ningunha falsidade. Eu fíxenme eco dunha noticia e dixen o que dixen". A xuízo do PP, "estase a practicar a delincuencia, contra os que loitan contra a delincuencia. E isto é o colmo da indecencia", denuncia o voceiro popular, Borja Sémper. Desde Génova non teñen intención de dar nin un paso atrás nesta ofensiva. Levarán a Sánchez ao Congreso, pero tamén a Leire Díez ao Senado e non descartan interpoñer unha denuncia xudicial contra ela.