Feijóo di que o PSOE é "servil co independentismo e cruel co constitucionalismo"
O líder do PP censurou que esta mesma semana o Goberno perdoara a sedición aos que "van contra España" e botara a Garda Civil de Navarra
Feijóo e Ayuso coincidiron en que hai que propiciar un cambio de ciclo nas urnas fronte á "arrogancia" e o "autoritarismo" de Sánchez
O líder do PP, Núñez Feijóo, escenificou en Madrid a unidade contra a modificación da sedición e a lei do si é si a carón de Díaz Ayuso e Almeida.
Asegurou que Sánchez cambia "presos por presupostos" e que tenta salvar os que atacaron España mentres pacta con Bildu botar a Garda Civil de Navarra. Explicou Feijóo que o obxectivo do PP é converter o rexeitamento a Sánchez en votos para o cambio:
"Entre Podemos e dignidade, dignidade; entre Esquerra e Constitución, Constitución; entre Bildu e Garda Civil, Garda Civil; entre este PSOE e o interese xeral, o interese xeral; entre Sánchez e España, España".
Pola súa parte, Díaz Ayuso salientou que o Goberno quere un PP dividido e propagar a lenda negra de que os madrileños son insolidarios e intolerantes. Salientou que mentres Sánchez cambia as leis para favorecer os que van contra España, sinala o PP como sectario e extremista:
"Se Sánchez é a lei, onde imos? E se Bildu manda, onde están os límites? E se pretenden que a prensa non actúe como contrapoder, onde o imos denunciar? E se non se respectan os xuíces, quen defende a lei?".