Publicador de contidos

Publicador de contidos

Feijóo cre que, tras as eleccións en Estremadura, "activouse un efecto dominó que non vai parar"

Feijóo cre que, tras as eleccións en Estremadura, "activouse un efecto dominó que non vai parar"

Este luns, María Guardiola foi recibida con aplausos na sede do PP en Madrid

O PSOE admite que os seus resultados foron "malos", pero insiste en que "queda Pedro Sánchez para moito tempo"

G24.gal 22/12/2025 15:14

Na sede do PP na rúa Génova, en Madrid, María Guardiola recibiu este luns o aplauso dos seus compañeiros de filas. A dirección nacional cre que a súa vitoria marca o camiño cara á Moncloa, que este é o primeiro paso para facerse co goberno de España.

"Activouse un efecto dominó que non vai parar", dixo Alberto Núñez Feijóo ante a executiva do seu partido. Na súa opinión, "o declive irreversible do PSOE non fixo máis que empezar" porque "os españois non queren máis sanchismo" e advírtelles aos socios que apoian a coalición que "caerán con Sánchez".

Menos entusiasmo había este luns na sede do PSOE. A súa voceira, Montse Mínguez, admitiu ante os xornalistas que o de Estremadura "foi un mal resultado para o PSOE" pero, aínda así, considera que "queda Pedro Sánchez para moito rato".

Pedro Sánchez non analizou en público os resultados en Estremadura, e iso que a primeira hora compareceu para anunciar que Milagros Tolón, ata agora delegada do Goberno en Castela-A Mancha, xa é a nova ministra de Educación, FP e Deportes. E Elma Saiz, a titular de Seguridade Social, agora, ademais, nova voceira do executivo.

Na súa comparecencia, o presidente falou dunha nova etapa na que entra "con enerxía renovada e as pilas cargadas".

Este mesmo luns fíxose público o acordo con EH Bildu para prorrogar o chamado escudo social. En conferencia de prensa, o seu deputado no Congreso, Oskar Matute, apuntou que "os resultados de Estremadura son preocupantes pero non por iso menos esperables".

Máis ácida é a análise que fai o sector crítico do PSOE, con Emiliano García-Page á cabeza. O presidente de Castela-A Mancha cre que ao seu partido lle "sobra autoengano e fáltalle autocrítica".

O mesmo pensa Podemos, que si celebra os resultados de Unidas por Estremadura. Cren que rompe a súa tendencia á baixa. "É unha moi boa fórmula, é o camiño que hai que seguir" nos próximos comicios autonómicos, como os de Aragón. É unha fórmula que inclúe a Izquierda Unida, pero que exclúe a Sumar da candidatura.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade