Feijóo aposta por "relaxar" o uso da máscara en exteriores
O presidente da Xunta di que se pode relaxar o seu uso sempre de que haxa distancia de seguridade e se empregue nas interaccións e en interiores
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, amosouse este martes partidario de ir "relaxando" o uso da máscara ao aire libre. Feijóo defendeu que coa baixada da incidencia da covid que se está rexistrando e tras pasar as festas de Nadal, cando había máis interacción social e por iso se aprobara o decreto para obrigar ao seu uso en exteriores, habería que avaliar esta norma.
"Na miña opinión, e entendo que tamén na do comité clínico do Sergas, poderiamos ir empezando a relaxar o uso da máscara na rúa; sendo totalmente estritos co seu uso en interiores. Non é que debamos sacar a máscara, se non que en espazos exteriores, en rúas pouco transitadas, non teñamos probablemente que ter un uso dela como nas últimas semanas de máis interacción social", dixo o presidente da Xunta.