Fazaña do Ourense C. F., que elimina ao Deportivo cun gol no treito final
Ángel Sánchez marcou o gol da vitoria no minuto 87
O Ourense Club de Fútbol sorprendeu o Deportivo e eliminouno na segunda eliminatoria da Copa do Rei. Un gol de Ángel Sánchez á saída dun córner no minuto 87 permitiulle ao equipo de Primeira Federación soñar cun dos grandes do fútbol español na segunda rolda.
O equipo coruñés meteu moitos trocos no seu conxunto titular e deulles opcións aos menos habituais. O Ourense fixo un partido moi serio en defensa, apenas concedeu oportunidades. Aínda así, o Deportivo puido adiantarse no primeiro tempo con lanzamentos de Gauto, Hugo Rama e Davo.
Na segunda metade, o fútbol dos de Gilsanz caeu. Só atopaba pola esquerda con Obrador o xeito de facerlles dano aos locais, que cada vez estaban máis seguros no partido. No minuto 70 Lucas e Mella entraron no partido e no 84 Cristian Herrera tivo a máis clara nun remate que sacou baixo paus Carmona. Cando xa se pensaba na prórroga apareceu Ángel Sánchez cunha cabezada e provocou o delirio no Couto.