Publicador de contidos

Publicador de contidos

Fabiola García: "Os nenos poderán ir á escola infantil que os pais queiran sen ter que pagar nada"

Fabiola García: "Os nenos poderán ir á escola infantil que os pais queiran sen ter que pagar nada"

Galicia vai ser a única comunidade que vai aplicar a gratuidade total na educación infantil, salienta a conselleira de Política Social

Beneficiaranse 30.000 familias, que van poder aforrar entre 1.500 e 2.000 euros ao ano

A proposta do Goberno central "implicaría a supresión inmediata de máis de 2.500 prazas en escolas infantís"

G24.gal 28/07/2022 11:06

Fabiola García, conselleira de Política Social, explica no 'Bos días' os asuntos de actualidade relacionados co seu departamento.

A conselleira de Política Social comeza explicando como se están preparando todas as escolas infantís que forman parte da rede pública "para que estean listas" de cara ao inicio o vindeiro curso escolar 2022-2023. "Estamos preparando as escolas infantís e acabamos de despedir os máis pequenos, un agasallo, unha orla, para que lles quede para sempre de recordo", di Fabiola García.

Galicia vai ser a única comunidade que vai aplicar a gratuidade total na educación infantil

"O próximo curso escolar vai ser histórico, porque Galicia vai ser a única comunidade que vai aplicar a gratuidade total na educación infantil, para todos os pais de Galicia, con independencia da renda e tamén para todas as escolas infantís".

"Van ser máis de 30.000 as familias que se van beneficiar desta medida, que é a primeira que pon en marcha o presidente Rueda, e as familias van poder aforrar entre 1.500 e 2.000 euros ao ano, que é o que estaban pagando pola escola infantil de seu fillo", explica a conselleira de Política Social

Na rede pública de escolas infantís de Galicia, amais do prazo ordinario, "ábrese un prazo extraordinario a partir do mes de xaneiro para todos os pais que teñen un neno pequeno nestes meses de setembro a decembro, e en todas as escolas infantís privadas tamén se van poder inscribir, todos os pais que así o desexen", anuncia Fabiola García.

"Van poder ir á escola infantil que os pais queiran sen ter que pagar absolutamente nada", salienta Fabiola García

"Desde logo van poder ir á escola infantil que os pais queiran sen ter que pagar absolutamente nada e tamén cunhas facilidades únicas, sen ter que tramitar ningún tipo de documentación para a Xunta de Galicia. Simplemente ir á escola infantil e dicir que queren levar alí o seu fillo".

A proposta de Ione Belarra non gusta en Galicia: "Implicaría a supresión inmediata de máis de 2.500 prazas en escolas infantís".

"O Goberno central o que pretende é aprobar un real decreto para regular todos os centros educativos. E como din España é diversa, España é plural. Cada comunidade ten as súas características".

Explica a conselleira de Política Social que "con este real decreto o que pretende o Goberno central é reducir o número de alumnos por aula, incrementar o número de profesores e incrementar os espazos de cada aula".

"Implicaría a supresión inmediata de máis de 2.500 prazas en escolas infantís en Galicia"

"Os que coñecemos ben as escolas infantís sabemos como son. Sabemos que hai espazos que non son ampliables: baixos comerciais, determinados edificios. Se iso fose de aplicación en Galicia implicaría a supresión inmediata de máis de 2.500 prazas en escolas infantís. Son 2.500 familias que non van ter ese recurso de conciliación, non van ter praza nas escolas infantís. O que lle pedimos ao Goberno central e que dialogue coas comunidades, que coñezan a realidade dunha escola infantil e que cheguemos a un consenso, con medidas que sexan de aplicación e que sexan reais para as escolas infantís da nosa comunidade".

A conselleira de Política Social explica que desde Galicia "imos solicitar que se manteñan as características que teñen as escolas infantís neste momento. Galicia é unha comunidade distinta. Agora vai aplicarse esa gratuidade na educación infantil, todas as escolas infantís de Galicia funcionan moi ben".

"Imos aplicar un novo modelo revolucionario no coidado de maiores", di Fabiola García

A conselleira de Política Social comeza salientando a creación de novas prazas en residencias.

"Agardamos a apertura de máis de 900 prazas públicas. Estamos construíndo esas sete residencias que financia a Fundación Amancio Ortega e a maiores está tamén a Xunta de Galicia construíndo con recursos propios máis residencias, como vai ser a da comarca da Barbanza, en Ribeira, a de Antas de Ulla, a nova residencia de discapacidade na cidade de Ourense".

Explica que desde a Xunta de Galicia se vai aplicar un novo modelo de "coidados revolucionario, non só nas residencias, e o máis pioneiro a nivel nacional". Este novo modelo está baseado en tres piares, di Fabiola García.

O primeiro serán "as melloras estruturais e arquitectónicas, haberá máis cuartos individuais, unidades de convivencia máis pequenas de 25 persoas e sempre que sexa posible que centro residencial conte con zonas axardinadas. O segundo piar será a incorporación das novas tecnoloxías en diferentes ámbitos, como a rehabilitación. O terceiro piar será unha maior coordinación sociosanitaria, e crearanse os centros de coidados intermedios para devolverlle a autonomía necesaria a unha persoa tras un ingreso hospitalario antes de volver ao fogar".

A Xunta de Galicia puxo 50 prazas de residencias para realoxos por mor dos incendios

"Desde o primeiro momento a Xunta de Galicia puxo á disposición dos equipos de emerxencias máis de 50 prazas de residencias para todas as familias que necesitaban coidados despois de verse afectadas polos incendios forestais. Foron 14 en total as persoas que realoxamos e agora, despois de visitalas, nos dicían que eles querían volver ás súas casas e a maioría deles agora xa puideron volver".

En Galicia hai máis de 2.400 refuxiados ucraínos

A conselleira de Política Social explica como desde a Xunta de Galicia se está atendendo os máis de 2.400 refuxiados de Ucraína "con todos os recursos que están á nosa disposición. Amais, durante tres meses estivo unha unidade móbil recorrendo os concellos de Galicia, dándolles información. Agora estamos traballando de cara a esa formación para que se incorporen ao mercado laboral".

Balance dos campamentos de verán da Xunta de Galicia

Fabiola García explica que os campamentos de verán para os nenos "van de marabilla, os nenos están felices. Penso que os pais tamén están contentos porque saben que seus fillos están atendidos, gozando. Galicia somos a comunidade que máis prazas saca: 1.800 en total. Os nenos están gozando, ao mesmo tempo que os pais poden conciliar".

"Parece que o Goberno non quere traspasarnos a xestión do ingreso mínimo vital", lamenta Fabiola Garcia

"Está como estaba porque o Goberno central non arranca. Nós mostramos a nosa disposición, pero non temos moitas máis noticias. Parece que non queren traspasarnos esa xestión. Ao final os prexudicados son as persoas perceptoras. Seguen esperando por ese ingreso mínimo vital máis de oito meses. Por iso a maioría das persoas que necesitan unha axuda de forma inmediata están decidindo manterse na renda autonómica que xestionamos nós e non pasarse ingreso estatal", salienta a conselleira de Política Social.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar