O economista Javier Santacruz ve o prezo grosista por riba dos 120 euros nos próximos meses
O analista asegura na Radio Galega que os prezos da enerxía non se regularán ata que se normalice a demanda
Coa crise enerxética de fondo, o economista e analista Javier Santacruz fala na Radio Galega das subministracións coas que afrontará España a entrada do inverno e como repercutirá a conxuntura actual nos prezos da electricidade para os próximos meses.
E é que España sofre neste intre as consecuencias do peche do gasoduto do Magreb, que representaba a metade do gas que chegaba ao país.
Neste punto, afirma Santacruz, é "improbable que o territorio se vexa desabastecido" por esta causa, dado que existen outras alternativas para traer o gas, pero si notaremos un impacto notable nos prezos porque motivado pola competencia internacional de barcos que transportan gas líquido e que hoxe se atopan no sueste asiático.
Falando dos prezos da enerxía, estima Santacruz que a luz non baixará dos 120 euros megawatt/hora nos próximos meses, e que estará por riba dos 100 euros incluso no próximo ano.
Os consumidores teremos que afacernos a este escenario no futuro próximo, polo menos, afirma este analista, ata que se normalice a demanda enerxética, se dispoña de colectores e barcos, e se desatasquen os principais nós loxísticos do mundo.
Santacruz afirma que o Goberno debería retirar de inmediato o último decreto aprobado demandando ás eléctricas os beneficios "caídos do ceo". Engade que a medida non ten sentido nin financeiro nin económico.
Sostén que a medida do foi un erro de inicio, porque estes beneficios non existen, xa que o 85 por cento da enerxía producida hoxe en España xa está vendida para o ano, e esas flutuacións de prezos só afectarían o restante quince por cento que se move no mercado diario, para axustar a oferta á demanda.
Panorama que aínda se agrava máis, porque, engade, neste momento a filial comercializadora da enerxía eléctrica está en perdas cuantiosas e provocou xa ruptura de varios contratos a longo prazo, con outras tecnoloxías alternativas, algo que agora non nos podemos permitir.
Puntualiza este experto, que unha das claves para aliviar os prezos da enerxía está en apostar por diferentes fontes que faciliten esa subministración e non só o gas.
Fontes de xeración que atopamos na propia industria, como os residuos ou a biomasa, así como o carbón, auga, a enerxía fotovoltaica e a solar, afirma Santacruz, son a chave para depender menos do gas.
"Son o presente e o futuro para depender menos do gas e de flutuacións de prezos internacionais, o que pode levar a unha crise como na que estamos".
Enerxía nuclear
Santacruz considera atinada a idea de ampliar a vida das centrais nucleares que hoxe temos en España, porque di, "supoñen o 20 por cento da nosa enerxía e podería contribuír a abaratar os prezos".