Publicador de contidos

Publicador de contidos

Europa apoiará a Corte Penal Internacional e Ucraína para documentar crimes de guerra

Europa apoiará a Corte Penal Internacional e Ucraína para documentar crimes de guerra

Achegará asistencia financeira e un equipo de expertos

Sen acordo para cortar o gas ruso

G24.gal 11/04/2022 18:30

Apoio para investigar posibles crimes de guerra 

Os ministros de Exteriores da Unión Europea acordaron achegar asistencia financeira e un equipo de expertos ás fiscalías da Corte Penal Internacional e de Ucraína para axudar a documentar posible crimes de guerra cometidos por tropas rusas nese país.

Foi unha decisión dos ministros tomada na reunión co fiscal xefe da Corte Penal Internacional, Karim Kham, que xa decidira abrir unha investigación.

Ademais de apoio económico, a UE vai despregar en Ucraína a misión de asesoramento que xa mantiña no país antes da guerra e que agora vai cooperar coa súa Fiscalía para “garantir a investigación e a recollida de probas sobre o terreo”.

Posibles sancións novas 

Tras o Consello de Ministros, o alto representante da UE para Asuntos Exteriores, Josep Borrell, dixo que non descartan sancionar o gas e o petróleo rusos.

José Manuel Albares, ministro español de Exteriores, explicaba antes da xuntanza cos seus colegas que buscan "fórmulas para evitar que Vladimir Putin siga financiando a súa guerra con capitais europeos".

Pero este luns non houbo acordo sobre novos embargos. O xefe da diplomacia comunitaria, Josep Borrell, explicaba que "nada está fóra da mesa, incluídas as sancións sobre o petróleo e o gas, pero hoxe non se tomou ningunha decisión".

Alemaña, Austria ou Hungría son reacios a interromper o fluxo de gas que chega de Rusia. Borrell pedía para eles comprensión. 

"É doado para algúns estados que non usan gas ruso dicir que están listos para non usar gas ruso", dicía o alto representante de Exteriores.

Máis factible, di Borrell, sería prohibir as importacións de petróleo, máis doadas de substuír e cun impacto económico maior. En calquera caso, ante a inminente ofensiva rusa sobre o Donbás, os 27 cren prioritario centrarse na resposta militar.

  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade