Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ethel Vázquez: "A nosa sospeita é que o Goberno coñece as causas do colapso do viaduto da A-6"

Ethel Vázquez: "A nosa sospeita é que o Goberno coñece as causas do colapso do viaduto da A-6"

A conselleira de Infraestruturas ve "fóra de lugar" que o Goberno culpe a cidadanía do "caos" no Eixo Atlántico ferroviario

Confirma un incremento importante de pasaxeiros tras as bonificacións da Xunta no transporte por estrada

Alerta do risco de desabastecemento de auga se non se adoptan medidas de contención en zonas coma Ourense ou Lugo

G24.gal 18/09/2022 09:23 Última actualización 18/09/2022 14:17

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, cualifica de "solución parcial" o novo ramal de desvío da A-6 que dende este sábado está operativo e que evita que os vehículos que van en dirección Madrid circulen polo centro de Pedrafita do Cebreiro, coma ata o de agora, por mor do colapso do viaduto do Castro.

Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega, Vázquez considera que a proposta realizada pola Xunta era mellor ao afirmar que daba "solución definitiva practicamente" e para ambas as dúas direccións.

A responsable galega de Infraestruturas tamén admitiu sospeitar que o Goberno é coñecedor das causas do colapso do viaduto. Vázquez argumentou as súas dúbidas nas declaracións en prensa da secretaria de Estado de Infraestruturas, nas que avanzaba xa a reapertura do viaduto paralelo ao colapsado para o primeiro semestre de 2023 antes da dar a coñecer as causas do derrubamento.

A conselleira de Infraestruturas cuestionou as "moitas incongruencias" transmitidas polo Goberno central sobre o acontecido nesta infraestrutura e aféalle ao executivo a falta de "respecto institucional" por non lle dar información á Xunta.

"A nosa sospeita é que as causas do colapso do viaduto se coñecen. O certo é que é o Ministerio quen ten toda a información. Estamos a falar dun viaduto que estaba pechado, no que se investiron 26 millóns de euros públicos, que despois dun ano pechado cunha obra de emerxencia con 26 millóns de euros investidos o resultado é o colapso e polo tanto a problemática principal desde logo está aí". 

Caos no Eixo Atlántico ferroviario

A tamén conselleira de Mobilidade considera "fóra de lugar" que o Goberno central "lles bote a culpa aos cidadáns" e lles pida que eviten "as horas punta" á hora de viaxar en tren ante a saturación vivida estes días no Eixo Atlántico ferroviario coa implantación dos bonos gratuítos.

Na entrevista Vázquez pediulle ao Goberno "que ningún pasaxeiro quede tirado na estación tendo billete"  e considera que o Goberno é o "responsable de implantar un sistema que atenda a demanda". Sobre todo, recalcou a conselleira de Infraestruturas, ante unha "situación completamente esperable" na que a "falta de planificación do Goberno (...) é evidente". 

Respecto ás bonificacións promovidas pola Xunta no transporte de pasaxeiros por estrada, Ethel Vázquez admite que "non se recuperaron os niveis previos á pandemia" pero que si se está a "ver incremento importante de recuperación de viaxeiros grazas a estas bonificacións" das viaxes en autobús.  Neste particular admitiu a necesidade de "implantar reforzos na liña Ferrol-A Coruña" para atender a toda a demanda. 

Seca

A conselleira de Infraestruturas insiste en facer unha apelación ao aforro de auga ante a prealerta de seca na que vive Galicia. Vázquez avisa dunha "situación grave", da preocupación existente e insiste en que "non pode levarnos a engano que con catro días de choiva arranxamos".

Lembra os niveis baixos en ríos como o Lérez, o Grande ou o Tambre e tamén na demarcación da Conca Hidrográfica Miño-Sil. Nesta conca afirma que "a zona máis vulnerable agora son as zonas de Ourense e Lugo".

Así mesmo, e coas previsións de Meteogalicia para as próximas semanas, avisa que "temos que concienciarnos todos porque si pode estar comprometida nalgunha zona máis vulnerable o abastecemento". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar