Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ethel Vázquez: "Pedimos ao Goberno que desvincule a suba das peaxes ás obras realizadas"

Ethel Vázquez: "Pedimos ao Goberno que desvincule a suba das peaxes ás obras realizadas"

"Lamentamos que o Goberno de España non inclúa medidas concretas nos orzamentos para evitar as suba das peaxes", di a conselleira de Infraestruturas

"Faltan explicacións e faltan información sobre o colapso do viaduto da A-6", insiste Ethel Vázquez

G24.gal 22/11/2022 11:51

A semana pasada coñeciamos as causas do derrubamento do viaduto do Castro, na autovía A-6. A Xunta de Galicia di que as conclusións dos dous informes presentados polo Goberno central non son suficientes e demanda máis explicacións.

No informativo 'Bos días' estivo este martes a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, para explicarnos como ve este asunto o seu departamento e tamén para falar da outra petición que acaba de facer o presidente da Xunta ao Goberno de España, a petición de que impida a suba das peaxes da AP-9 e da AP-53.

Alfonso Rueda, presidente da Xunta,  remitíalle esta semana unha carta a ministra de Transportes solicitando que impida a suba do 9 % para 2023 na AP-9 e do 8 % na A-53. Alfonso Rueda, en diferentes declaracións, cualificou este incremento previsto pola concesionaria de "inaceptable e inasumible polos cidadáns galegos" e tamén polo goberno da Xunta.

Etel Vázquez dixo na entrevista desta mañá  que aínda "non recibimos resposta por parte do Goberno de España que é o titular das autoestradas AP-9 e A-53. Desde a Xunta o que solicitamos é que o Goberno pode e debe revisar esas subas, debe evitar o incremento das peaxes. Son unhas subas históricas e no peor momento. Estamos nunha crise e as familias teñen moitos problemas para chegar a fin de mes".

"Lamentamos que o Goberno de España non inclúa medidas concretas nos orzamentos"

"Pedímoslle ao Goberno de España que siga o exemplo de Galicia, conxelando as peaxes. A xunta de Galicia tomou a decisión política de conxelar as peaxes das estradas autonómicas para o ano 2023"

Salienta a conselleira de infraestruturas que a "AP-9 é unha vía fundamental e troncal na nosa comunidade autónoma. Vertebra o 60 % da poboación. Vertebra do o Eixo Atlántico. Todo o que acontece na AP-9 afecta ás familias e ás empresas".

Lembra Ethel Vázquez que desde a Xunta veñen "pedindo desde hai moito tempo que se revisara o acordo do ano 2011 asinado polo exministro José Blanco, na época de Rodríguez Zapatero, no que se blindaba a execución dunha obras con cargo ao incremento das peaxes acumulativas durante vinte anos."

Argumenta a conselleira de Infraestruturas que "recentemente, uns informes do consello consultivo e Galicia e tamén da comisión galega da competencia que son nulos de pleno dereito. Nos últimos dous anos vimos demandando a este Goberno de España que se revisaran eses acordos e se se houberan revisado non estariamos nesta situación".

"Faltan explicacións e falta información sobre o colapso do viaduto da A-6"

A Xunta de Galicia, e desde a consellería de Infraestruturas, seguen insistindo en que faltan explicación e información sobre o colapso do viaduto da A-6. Ethel Vázquez insiste en que os "informes achegados polo Goberno central non son suficientes e que a Xunta segue tendo dúbidas".

"A A-6 é unha vía fundamental de conexión do norte de Galicia coa meseta. A xestión do Goberno de España e manifestamente mellorable sobre o que nos ten trasladado sobre as causas do colapso do viaduto. Na nosa opinión, faltan explicacións, falta claridade e o certo é que temos moitísimas dúbidas".

Di a conselleira de Infraestruturas que "non debemos esquecer que o viaduto estaba pechado ao tráfico como consecuencia dunha inspección parcial" e que "polo tanto, aí actuouse correctamente, detectáronse patoloxías e deterioracións e polo tanto cos protocolos que temos todas as administracións para velar, en primeiro lugar pola seguridade dos usuarios e en segundo lugar pola calidade das infraestruturas, o viaduto pechouse, realizouse unha inspección, que é clave o que di esa inspección, que foi o que derivou nun proxecto de rehabilitación para facer as obras de reparación".

"Os cidadáns non podemos asumir que o colapso dun viaduto sexa inevitable. Nese sentido seguimos tendo dúbidas e que fallou e por que fallou. O certo é que temos que aprender porque isto non pode volver pasar. O certo é que as obras de rehabilitación do viaduto deben ser para reparar non para colapsar. Se as obras de reparación se fixaran ben, o viaduto non tiña que caer, iso é unha reflexión lóxica".

Insiste Ethel Vázquez en que os "26 millóns que se levan invertido nese viaduto e o resultado é o colapso, creo que todo o mundo pode comprender que unhas obras de rehabilitación deseñadas para resolver as patoloxías deben reparar o viaduto e non facer colapsar o viaduto. Faltan explicacións. Creo que o Ministerio de Transportes aínda non concluíu que fallou".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade