Os Estados Unidos manterán conversas directas con Irán sobre o programa nuclear a partir do sábado
Teherán insiste en que só aceptará un diálogo indirecto tras as ameazas de Washington

O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, anunciou este luns que o seu país iniciará o sábado “conversas directas” con Irán para intentar chegar a un acordo sobre o seu programa nuclear, malia que Teherán mantén que só está disposto a negociar de maneira indirecta con Washington.
“Imos manter conversas directas con Irán e comezarán o sábado. Veremos que pasa”, declarou Trump durante un encontro na Casa Branca co primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu.
O mandatario destacou que o diálogo será directo, sen intermediarios, a pesar de que os dous países non manteñen relacións diplomáticas. Indicou tamén que participarán funcionarios “practicamente do máis alto nivel”.
Trump sinalou que chegar a un acordo sería preferible a facer o obvio, en aparente referencia a un posible ataque militar contra Irán.
“O obvio non é algo no que eu queira involucrarme, nin, francamente, no que Israel queira involucrarse, se se pode evitar”, afirmou.
Con todo, advertiu de que a situación con Irán “está volvéndose moi perigosa” e expresou o seu desexo de que “esas conversas teñan éxito”.
“Creo que sería o mellor para Irán”, concluíu.