Publicador de contidos

Publicador de contidos

España perderá medio punto do PIB pola tensión arancelaria, por Santiago Calvo

OPINIÓN

España perderá medio punto do PIB pola tensión arancelaria, por Santiago Calvo

Santiago Calvo 11/04/2025 08:09

A economía mundial segue marcada pola incerteza debido á política de aranceis impulsada por Donald Trump. É certo que, polo de agora, se evitou unha subida máis radical dos aranceis, pero non podemos esquecer que continúa vixente un mínimo do 10 % nas importacións estadounidenses, algo que mantén unha situación de nerviosismo constante no comercio internacional. Este contexto afecta especialmente países con economías abertas, como España.

Segundo a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal, a AIReF, só esta incerteza económica podería facer que o crecemento do PIB español se reduza en medio punto porcentual. E isto sucede principalmente pola inseguridade que teñen as empresas á hora de investir ou de comerciar co exterior. De feito, os aranceis directos terían un impacto menor, entre o 0,2 % e o 0,3 %, pero a preocupación e as dúbidas sobre o futuro económico son moito máis relevantes.

Hai una días, Trump decidiu frear temporalmente os aranceis máis elevados para moitos países, pero non para A China, que segue recibindo un castigo moi duro. Aínda así, a tensión comercial segue aí e temos por diante tres meses de negociacións bilaterais baixo ese arancel do 10 % que antes non existía e que non é en absoluto neutral para as empresas europeas.

Para España, isto implica que moitas empresas exportadoras poden ver incrementados os seus custos ou poden ter que buscar novos mercados. Ademais, as cadeas de subministración e as estruturas produtivas globais están baixo unha gran presión, algo que afecta especialmente ás empresas máis internacionalizadas.

Por último, non debemos esquecer o efecto máis preocupante a longo prazo: a confianza no mercado estadounidense como destino seguro para investir está en dúbida. Esta utilización continua e imprevisible dos aranceis como arma política xera inseguridade xurídica e afecta ás decisións estratéxicas das empresas multinacionais.

En resumo, aínda que evitamos un desastre arancelario inmediato, a incerteza estrutural continúa. España ten que estar preparada para adaptarse rapidamente a un escenario que, polo momento, parece que seguirá sendo volátil e cheo de desafíos.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade