Publicador de contidos

Publicador de contidos

Envorca co seu coche e ten que ser liberada polos bombeiros

Envorca co seu coche e ten que ser liberada polos bombeiros

A condutora deu positivo no control de alcolemia

Os veciños denuncian que nesa estrada se amorean os accidentes

G24.gal 16/06/2026 13:28

En Urcela, na parroquia pontareá de Moreira, os condutores sorprendíanse ao ver un coche envorcado na beiravía. Levaba alí dende as dúas e media da mañá, despois dunha noite de anguria para unha condutora en Ponteareas. O coche en que viaxaba saíu da vía, caeu por un terraplén de máis de dous metros e quedou atrapada no interior.

Ela mesma chamou o 112 para alertar de que o seu coche envorcara e non podía saír. Inmediatamente se activou un operativo en que participaron efectivos do 061, do GES de Ponteareas, da Garda Civil e da Policía Local.

Juan Diego González Posada, bombeiro do parque de Ponteareas, relata como tiveron que liberar a muller polo portón traseiro do vehículo, e saíu polo seu propio pé coa axuda dos servizos de emerxencias.

Os veciños denuncian a perigosidade deste tramo da estrada a carón do río Tea, na ponte das Partidas. Din que accidentes coma este repítense con demasiada frecuencia. A vía é tan estreita que hai un semáforo para ordenar a circulación, pero os condutores din que iso non é dabondo, que a visibilidade é moi escasa, e reclaman unha varanda.  

A muller, que permaneceu consciente en todo momento, recibiu asistencia sanitaria, e deu positivo na proba de alcolemia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade