Publicador de contidos

Publicador de contidos

Encamiñada a fichaxe de Bryan Zaragoza, o grande obxecto de desexo do Celta

Encamiñada a fichaxe de Bryan Zaragoza, o grande obxecto de desexo do Celta

O extremo andaluz non conta para o Bayern co que se ultiman as condicións da cláusula de fichaxe para a vindeira temporada

G24.gal 28/07/2025 11:28

Desde o comezo do mercado o Celta tiña un obxecto de desexo, a adquisición de Bryan Zaragoza. Despois do seu gran rendemento no Granada e no Osasuna, que o levaron á selección española, Claudio Giráldez colocouno como reto principal para a dirección deportiva. Polo medio, unha cuantiosa fichaxe polo Bayern de Múnic (pagou 13 millóns de euros), onde non atopou o lugar para desenvolver o seu enorme talento. 

O equipo alemán tenta desfacerse del, pero recuperando a cantidade que investiu hai ano e medio cando buscou unha solución de emerxencia a un prezo relativamente baixo para un dos grandes do fútbol europeo. A falta de adaptación provocou unha primeira cesión ao Osasuna e unha segunda para esta temporada no fútbol español. O seu nome vencellouse a moitos equipos, pero o Celta sempre foi a opción prioritaria para un xogador desexoso de amosar o seu poderío en competición europea. 

A gran dúbida da operación son as condicións dunha opción de compra para a campaña 26-27. Neste primeiro ano só habería unha cesión e para o segundo todo apunta a unha obrigatoriedade de compra si o Celta queda entre os 11 primeiros clasificados da Liga e xoga unha alta porcentaxe de minutos. O equipo galego tería que igualar a cantidade pagada no seu día polo Bayern cando o asinou do Granada. Sería unha aposta moi forte de cara á vindeira temporada, pero un aprazamento do pago para comprobar cal é o seu rendemento neste 25-26 no que Bryan vestirá a camisola celeste. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade