En vigor as novas medidas anticovid no ocio, restauración e mobilidade
Rexen desde as 00:00 horas deste 31 de decembro
A xustiza apoiou a Xunta na prohibición de reunións nos domicilios entre non conviventes das 3:00 ás 6:00 horas
Desde a medianoite pasada están en vigor as restricións e novas medidas anticovid que afectan a apertura de locais de restauración e de ocio e tamén a mobilidade e interacción no ámbito público e privado.
O peche da hostalería e restauración á unha da mañá marcou na práctica o inicio das novas restricións anticovid en Galicia que, co aval do Tribunal Superior de Xustiza, ten en vigor a Xunta ata o día 18 de xaneiro.
O peche deses negocios será ás doce da noite de domingo a xoves. Unha hora máis tarde os outros dous días, como este venres de Noitevella, que estarán pechados ao público desde a unha e, excepcionalmente, ata as nove horas de mañá.
Volve a prohibición do consumo en barra e é necesario dispoñer do certificado covid para acceder a bares e restaurantes a calquera hora.
Os locais de ocio nocturno deberán pechar ás tres da madrugada.
Desde esa hora e ata as seis da mañá só se permite o tránsito de persoas polas rúas se van soas ou con outros membros da súa unidade familiar. Nese tramo horario tamén está prohibida a xuntanza de non conviventes nos espazos privados, agás para durmir.