OPINIÓN
É ouro todo o que reloce?, por María Bastida
O ouro está de moda outra vez. Por que? Pois porque é o que chamamos un valor refuxio. E que significa iso? Que cando hai incerteza, cando hai medo, os investidores corren cara ao ouro para protexerse. Refúxianse da inestabilidade política, das tensións comerciais, das dúbidas sobre cara a onde vai a economía mundial. É unha reacción case instintiva: cando a confianza vacila, o ouro brilla. E hoxe brilla con forza porque conflúen varias cousas ao mesmo tempo. A primeira: as expectativas de que a Reserva Federal empece a baixar os tipos. O ouro non paga intereses, pero se os tipos caen, deixa de perder fronte a outros activos. Segunda: o dólar está máis débil, e iso fai que o ouro sexa máis barato para os investidores internacionais. Terceira: a inflación segue aí, e xa sabemos que o ouro funciona como escudo contra a perda de poder adquisitivo. E hai máis: os bancos centrais de medio mundo están comprando ouro como nunca. Para diversificarse fronte ao dólar, para ter un seguro diante dos riscos xeopolíticos.
E dentro desa tendencia, A China quere xogar a gran partida. Pequín leva dez meses mercando ouro sen parar, pero agora dá un paso máis: ofrecerse como custodio das reservas doutros países amigos, a través da Bolsa de Ouro de Shanghai. Isto reforza o seu papel no sistema financeiro global e dálles unha alternativa aos grandes centros tradicionais: Londres, Nova York, Suíza. Para moitos países, sobre todo os que temen sancións, almacenar ouro na China é unha maneira de blindarse. É o caso de Rusia, que viu como lle conxelaban as reservas de divisas en 2022. Pero hai tamén unha lectura defensiva: detrás está a inseguridade sobre o futuro da súa propia economía. O réxime non pode permitirse un axuste vía desemprego nin unha explosión social, e a transición do seu modelo de crecemento -das exportacións e infraestruturas cara a un consumo interno máis forte- está chea de incertezas. Por iso, o ouro convértese en dobre ferramenta: símbolo de liderado xeopolítico e, ao mesmo tempo, escudo fronte ao risco dunha crise interna.
Todo isto xera unha demanda crecente nun mercado onde a oferta é limitada: a produción mineira non se pode multiplicar de golpe. Resultado: o ouro sobe, e sobe con forza. Pero ollo: non todo é automático. Se a economía global se recupera con forza, ou se os bancos centrais manteñen os tipos altos máis tempo do esperado, parte deste entusiasmo podería esvaecerse. E tamén hai risco de corrección técnica: cando un activo sobe moito, tarde ou cedo chega un axuste.
A lección, en todo caso, é sinxela. O ouro non sobe só polo que vale, sobe polo que simboliza. É a póliza de seguro do sistema financeiro. Cada vez que hai dúbidas sobre o futuro, os investidores botan man do ouro. E agora, ademais, é tamén unha peza máis no taboleiro xeopolítico que A China quere mover.