Publicador de contidos

Publicador de contidos

Dúas mulleres en Alacant e Cataluña, posibles casos de hantavirus en España

Dúas mulleres en Alacant e Cataluña, posibles casos de hantavirus en España

O caso de Alacant estivo en contacto coa muller que faleceu a causa da enfermidade en Xohanesburgo

En Cataluña, outra muller, que viaxou coa neerlandesa falecida aínda que non ten síntomas, fará a corentena na súa comunidade

A ministra de Sanidade, Mónica García Gómez, declarou que no país detectáronse en total tres posibles casos 

G24.gal 09/05/2026 09:16

En Alacant, unha muller de 32 anos é a primeira ingresada por sospeitas de hantavirus en España. Ingresou este venres nun hospital alacantino.

Segundo a consellería valenciana de Sanidade, a esta muller trasladárona, como medida preventiva e seguindo o protocolo que aprobou este venres o Ministerio de Sanidade, a un cuarto con presión negativa dun hospital da provincia de Alacant.

A Dirección Xeral de Saúde Pública contactou con esta paciente tras recibir unha alerta a través do Sistema Europeo de Alertas. 

O secretario de Estado de Sanidade, Javier Padilla, informara previamente de que había unha persoa "con síntomas compatibles" de hantavirus que estivera en contacto coa muller que faleceu en Xohanesburgo (Suráfrica), que fora trasladada a un hospital en Alacant como un caso sospeitoso e alí permanecerá en illamento.

A Consellería de Sanidade remitiu ao Centro Nacional de Microbioloxía a mostra tomada no venres á muller que está en seguimento, por ser pasaxeira no avión do que foi evacuada unha persoa falecida posteriormente e tras viaxar no cruceiro MV Hondius.

Segundo o protocolo establecido polo Ministerio de Sanidade, se a PCR resulta negativa repítese ás 24 horas de confirmar o resultado da mostra.

No caso de que a segunda PCR sexa tamén negativa, a paciente consideraríase contacto en corentena e sería trasladada ao Hospital Central da Defensa Gómez Ulla de Madrid.

Pola contra, se a PCR resultase positiva, a muller sería evacuada á Unidade de Illamento e Tratamento de Alto Nivel do Hospital La Fe de Valencia.

"A persoa referiu síntomas compatibles, principalmente síntomas relacionados con tose, pero benestar xeral, mentres se atopaba no seu domicilio familiar en Alacant. De xeito inmediato, puxémonos en contacto coa Dirección Xeral de Saúde Pública de España e en coordinación coa Consellaría de Sanidade procedeuse ao seu traslado preventivo e seguro a un hospital", sinalou Padilla.

Cataluña

As autoridades sanitarias identificaron un novo contacto relacionado co gromo de hantavirus do cruceiro Hondius, que segundo precisa o Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias (CCAES), é unha muller que vive en Cataluña, non ten síntomas pero viaxou no mesmo avión da neerlandesa falecida.

Segundo a investigación epidemiolóxica, esta persoa non fora identificada inicialmente debido a un cambio de asento no avión, circunstancia que dificultou a súa localización na primeira reconstrución de contactos.

Esta muller sería o terceiro contacto identificado en España por coincidir nese avión coa neerlandesa falecida, xa que hai unha paciente ingresada nun hospital de Alacante con síntomas compatibles de hantavirus, e outra muller surafricana que tamén viaxou nesa aeronave e pasou unha semana en Barcelona antes de volver ao seu país, onde foi localizada sen síntomas.

Declaracións do Director Médico do Hospital Clinic de Barcelona, Toni Castells

Este novo contacto deberá permanecer en cuartos individuais e sen visitas, con vixilancia activa que inclúe o rexistro da temperatura dúas veces ao día para detectar precozmente calquera síntoma compatible.

Tamén se practicará unha proba de PCR e outra aos sete días.

Casos en España

A ministra de Sanidade, Mónica García Gómez, declarou este sábado na conferencia de prensa para explicar o desembarco do MV Hondius en Canarias, que no país detectáronse tres posibles casos de hantavirus.

Un dos casos atópase actualmente en Suráfrica. Correspóndese a unha muller que estivo unha semana en Barcelona despois do voo de Xohanesburgo aos Países Baixos, onde non tivo contactos estreitos con ninguén, e ademais delcarou non contar con síntomas do hantavirus.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade