Douvikas aproveita o torneo copeiro para reivindicarse diante de Benítez
O dianteiro grego marcou os dous goles no triunfo contra o Sestao (1-2)
O Celta volveu a espertar dúbidas e gañou cun penalti rigoroso
O Celta pasou a segunda eliminatoria da Copa grazas ao acerto do grego Thasos Douvikas, dos poucos que aproveitou a cita para reivindicarse diante de Rafa Benítez. Marcou os dous goles e demostrou o olfacto que ten cara á porta contraria.
Nun campo moi enlamado os mellores minutos que xogou o cadro celeste foron os primeiros vinte. Williot, Cervi, Miguel... Todos se movían con velocidade en ataque e xeraban ocasións diante da porta do Sestao. No 18 marcou Douvikas resolvendo diante do porteiro local e parecía que o Celta ía resolver dun xeito cómodo.
.jpg)
Pero co gol relaxouse o equipo galego e deixou de ser tan ambicioso. O partido moveuse entre un Celta que non quería e un Sestao que podía moi pouco polas súas limitacións técnicas. Só con balóns pendurados sobre a área xeraba perigo o equipo vasco. O Celta estaba durmido cando no minuto 73 Jon Cabo aproveitou un dos centros á área para acadar o empate.

Espertaron os de Benítez dun xeito inmediato e case na seguinte acción Kevin caeu na área e o colexiado asubiou un rigoroso penalti. Douvikas asumiu a responsabilidade e marcou o segundo e definitivo gol que mete o Celta na terceira eliminatoria.
