Publicador de contidos

Publicador de contidos

Dous mortos e un ferido nun tiroteo nun cemiterio de Valencia

Dous mortos e un ferido nun tiroteo nun cemiterio de Valencia

Un dos falecidos, de 44 anos, e o ferido, de 20, pertencen a un clan coñecido como Os Bocanegra

A outra vítima, de 78 anos, visitaba nese momento o cemiterio

O cemiterio de Torrent quedou pechado ao público mentres se investiga o suceso
G24.gal 01/11/2021 13:08

Dúas persoas morreron este luns e outra máis quedou ferida nun tiroteo ocorrido no cemiterio de Torrent, en Valencia.

Fontes da investigación informaron a EFE de que un dos falecidos e o ferido pertencen a unha familia de etnia xitana chamada Os Bocanegra.

Un dos falecidos é un home de 44 anos. O outro, de 78, pensouse nun primeiro momento que era vítima dun infarto, e o persoal sanitario tratou de reanimalo, pero cando procederon ao levantamento do cadáver comprobaron que tamén tiña un buraco de bala.

Segundo apuntan algunhas fontes, esta vítima é unha persoa que nese momento visitaba o cemiterio e non pertencía ao clan ao que si pertencía o outro falecido e un rapaz que quedou ferido, un mozo de 20 anos que foi trasladado ao Hospital Xeral de Valencia.

Polo momento descoñécese quen é o autor ou autores do tiroteo, e a Policía Nacional investiga o suceso.

O cemiterio de Torrent foi pechado ao público mentres se ordena o levantamento dos dous cadáveres e se investiga o tiroteo que se produciu sobre as 10:15 horas, nun momento no que había pouca xente no camposanto.

Ao parecer, dous clans de etnia xitana enfrontáronse con armas de fogo e como consecuencia dos disparos unha persoa faleceu e outra resultou ferida.

Unha terceira persoa tamén morreu tras sufrir un infarto, segundo as mesmas fontes, que indicaron que se está determinando se esta vítima era membro dalgún dos clans ou un visitante do cemiterio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade