Dous días á semana de atención presencial nos bancos dos concellos pequenos
Dous días á semana de atención presencial nos bancos dos concellos pequenos
PSOE e Unidas Podemos presentaron unha emenda para obrigar as entidades bancarias a prestar ese servizo
Así aparece nunha emenda que queren introducir na lei da autoridade do cliente financeiro que estes días se tramita no Congreso

A desaparición de sucursais bancarias na última década é un dos grandes atrancos cos que se atopan moitos cidadáns, sobre todo nos concellos máis pequenos. Para arranxalo, PSOE e Unidas Podemos presentaron unha emenda para obrigar os bancos a prestaren esta atención presencial.
A idea dos socios de Goberno é obrigar os bancos a garantiren atención presencial polo menos dous días laborables por semana e como mínimo durante seis horas en todos os concellos de menos de 5.000 habitantes. Así aparece nunha emenda que queren introducir na lei da autoridade do cliente financeiro que estes días se tramita no Congreso. A iniciativa tenta resolver os problemas e incomodidades con que se atopan moitos veciños, sobre todo en zonas rurais, a raíz do peche masivo de sucursais que deixou tras de si a crise financeira.
En Galicia, desde 2008, o número de oficinas reduciuse a menos da metade. Hai 54 concellos, o 17 % do total, onde non hai nin a primeira, unha carencia que afecta a preto de 67.000 persoas.
A emenda dos socios de Goberno inclúe outras novidades, por exemplo obrigar a que todas as oficinas reserven tres horas de atención preferente aos maiores e a creación da figura do chamado "xestor do maior", unha persoa que en cada sucursal estaría destinada especificamente a atender as necesidades do colectivo de máis de 65 anos.