Morre un neno de 13 anos tras caer o muro do vestiario dun instituto de Ourense
Hai outro estudante ferido leve
O xulgado solicitou un informe técnico sobre o etsado do muro
Un estudante de 13 anos do instituto Julio Prieto Nespereira, en Ourense, no barrio do Vinteún, morreu este mércores tras derrubarse, xusto cando el saía de Educación Física, o muro do vestiario deste centro onde cursaba o terceiro curso da ESO.
Segundo informaron a Efe fontes da investigación, o tráxico suceso ocorreu sobre as dúas da tarde, cando caeu embaixo a parede que separa os armarios e duchas, derrubamento a consecuencia do cal o adolescente quedou atrapado.
Outro mozo, con lesións no nocello, foi levado ao hospital.
Segundo a xefa de estudos do centro, Marta Marcos, non tiñan constancia do mal estado do muro nin de queixas relativas ao mesmo. "Ninguén nos comunicou que estivese mal", asegurou.
O instituto non vai suspender as clases de mañá. A primeira hora, un equipo técnico de psicólogos vai "apoiar en todas as aulas, especialmente, os compañeiros que estaban aí" no momento do suceso.
Ata o lugar desprazáronse efectivos de Bombeiros, e das Policías Local e Nacional, quen acordoaron a zona.
Consternación de nais, pais e comunidade educativa
Algúns pais que esperaban os fillos queixáronse ante a prensa do deficitario estado desa parede que cedeu.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, escribiu un chío en que dixo recibir "con gran consternación" a dolorosa noticia. "As miñas condolencias á súa familia, aos seus compañeiros e a toda a comunidade educativa", é o seu comentario nesa rede social.
"Recibo con gran consternación a dolorosa noticia que nos chega desde o instituto Julio Prieto Nespereira de Ourense".
— Alfonso Rueda (@AlfonsoRuedaGal) October 26, 2022
"As miñas condolencias á súa familia, aos seus compañeiros e profesores e a toda a comunidade educativa" https://t.co/pvevRrmQb3
En declaracións á prensa antes da reunión do comité de dirección do PP galego, o presidente da Xunta insistiu en que, polo momento, descoñécense as causas do sucedido, polo que existe unha investigación xudicial en curso: "De aí sairá todo".
"A Xunta colaborará en todo o que solicite porque interesa saber o que paso", remarcou o mandatario autonómico.
A ministra de Educación e Formación Profesional, Pilar Alegría, dixo tamén en Twitter: "Mandamos un abrazo enorme á familia do menor falecido, os seus amigos e docentes do IES Julio Prieto Nespereira. Tamén o noso agarimo ao outro menor que resultou ferido. Estamos en contacto coas institucións galegas".
"Conmocionados por el suceso ocurrido en Ourense. Mandamos un abrazo enorme a la familia del menor fallecido, sus amigos y docentes del IES Julio Prieto Nespereira. También nuestro cariño al otro menor que ha resultado herido. Estamos en contacto con las instituciones gallegas"
— Pilar Alegría (@Pilar_Alegria) October 26, 2022
O xulgado pide información sobre o estado do muro
A titular do Xulgado de Instrución número tres de Ourense, en funcións de garda, autorizou o levantamento do cadáver, ordenando a realización da autopsia.
Tamén, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, acordou un informe técnico sobre o estado do muro e unha reportaxe fotográfica completA, á parte do mencionado precinto da zona ata que se determine que pasou.
