Difúndese o vídeo da detención de Justin Timberlake por conducir bébedo
O artista quería impedir a súa difusión, pero finalmente chegou a un acordo coa Fiscalía para que se publique unha versión editada
Os sucesos aconteceron no 2024. O cantante declarárase culpable, pagou unha multa e realizou traballos comunitarios.
Fíxose público o vídeo da detención do actor e cantante Justin Timberlake cando foi detido hai un par de anos por conducir bébedo. No vídeo policial vese o artista tordeando mentres facía as probas de alcoholemia. O vídeo publicouse editado despois que Timberlake chegase a acordo coa Fiscalía para que non se difundise a secuencia íntegra.
Pouco máis que o seu nome, segundo se comproba no vídeo, foi capaz de explicarlles aos axentes que o detiveron por conducir en estado de embriaguez. O cantante loitou todo o que puido para evitar a difusión das imaxes da súa detención ata que finalmente chegou a un acordo coa fiscalía para que o vídeo se publicara editado e non íntegro.
Vemos a un Justin Timberlake balbuciente e confundido que tropeza varias veces durante a proba do equilibrio.Unha vez na comisaria recoñece que estivera bebendo e en todo momento pódense apreciar as dificultades do cantante para expresarse. Recibe con incredulidade a noticia de que vai pasar a noite no calabozo.
O suceso aconteceu en xuño do 2024 no estado de Nova York. Timberlake declarouse culpable, tivo que pagar unha multa e realizar traballos comunitarios.