Delcy Rodríguez reuniuse co director da CIA en Caracas, segundo medios estadounidenses
Por orde de Donald Trump, abordaron temas de seguridade, nun esforzo por achegar posicións
REUTERS/Leonardo Fernandez Viloria
A presidenta encargada de Venezuela, Delcy Rodríguez, reuniuse o xoves en Caracas co director da CIA, John Ratcliffe, con quen abordou temas de seguridade nun esforzo por achegar posicións, segundo informan este venres medios estadounidenses.
Ratcliffe viaxou ao país suramericano baixo as ordes do presidente, Donald Trump, "para transmitir a mensaxe de que os Estados Unidos esperan unha mellora na relación de traballo", segundo un responsable estadounidense, citado por The New York Times.
"Durante a reunión en Caracas, o director Ratcliffe abordou as posibles oportunidades de colaboración económica e sinalou que Venezuela xa non pode ser un refuxio seguro para os adversarios dos Estados Unidos, especialmente os narcotraficantes", especificou unha fonte oficial citada pola cadea CNN.
O encontro entre Ratcliffe e Rodríguez, vicepresidenta chavista que asumiu o mando de Venezuela co aval de Washington tras a captura do deposto Nicolás Maduro polos EUA, tivo como obxectivo "xerar confianza", agregou a fonte.
O director da CIA é o funcionario estadounidense de maior rango e o primeiro membro do Gabinete do presidente, Donald Trump, que visita Venezuela tras a operación que resultou na captura e traslado de Maduro e a súa esposa, Cilia Flores, a Nova York para ser axuizados por narcoterrorismo en Nova York.
A reunión en Caracas coincidiu co encontro da líder opositora venezolana, María Corina Machado, e Trump na Casa Branca.
O Goberno interino venezolano, que Trump asegura que se atopa baixo tutela estadounidense, pactou o envío de millóns de barrís de cru cara aos EUA para a súa comercialización e abriu a industria petroleira ao investimento estranxeiro co impulso da Administración republicana.