Publicador de contidos

Publicador de contidos

Desaloxan varios veciños en Chandrexa e Maceda con incendios en situación 2

Desaloxan varios veciños en Chandrexa e Maceda con incendios en situación 2

Esta madrugada declarouse un incendio en Maceda no que se elevou o nivel de emerxencia pola proximidade do incendio aos lugares de Calveliño do Monte e Santiso

En Chandrexa de Queixa a situación 2 débese á proximidade aos núcleos de poboación de Requeixo, Vilar e Zamorela

G24.gal 12/08/2025 08:03 Última actualización 12/08/2025 11:23

A Xunta activou esta madrugada a situación 2 o nivel de protección ante polo incendio forestal que afecta os lugares de Calveliño do Monte e Santiso, no concello de Maceda, como medida de prevención pola proximidade do lume a varios núcleos de poboación.

A alcaldesa de Maceda, Uxía Oviedo, relata a Europa Press que desaloxaron uns catro veciños en Calveliño do Monte, onde se fixo un contralume para asegurar a aldea. Esta mañá de martes "está a avaliarse o terreo para mirar como proceder na xornada de hoxe", pero teme que "o lume vai subir cara a Montederramo".

Para a extinción deste incendio mobilizáronse, polo de agora, 5 axentes, 6 brigadas e 4 motobombas.

Nas últimas horas ardeu o coche dun axente forestal que participa nos traballos de extinción, sen que haxa que lamentar danos persoais.

O incendio de Chandrexa xa é o maior de todo o verán

Na provincia de Ourense está activo tamén e co mesmo nivel de protección un incendio que afecta Chandrexa de Queixa, que comezou o pasado venres e calcinou máis de 3.000 hectáreas.

A situación 2 débese á proximidade do lume aos núcleos de poboación de Requeixo, Vilar e Zamorela, e foi necesario desaloxar a cinco veciños de dúas vivendas no lugar da Senra durante a madrugada.

É o máis grande no que vai de verán en Galicia e suma máis superficie afectada que todos os que se produciron en Galicia en 2024.

O incendio avanza sen control polo Macizo Central, a uns 1.500 metros de altitude, nunha zona á que, en moitos puntos, só poden acceder medios aéreos.

Para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 14 técnicos, 51 axentes, 79 brigadas, 40 motobombas, 9 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 12 helicópteros e 14 avións. Tamén está prevista a incorporación ás tarefas de extinción de efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Desactivada a situación 2 en Vilardevós

Tamén esta noite pasada, contra a medianoite, desactivouse a situación 2 no incendio que se iniciara este luns na parroquia de Moialde, en Vilardevós, e que se decretara pola proximidade do lume aos lugares da Silva e San Paio, situados no veciño concello de Riós. Segundo as últimas estimacións, o incendio, que evoluciona favorablemente e xa puido ser estabilizado, afecta arredor de 40 hectáreas.

Tamén está activo un incendio no concello e Cartelle, na parroquia de Anfeoz, que segundo as últimas estimacións rolda as 20 hectáreas de superficie afectada.

Dáse por controlado o que tamén se declarou este luns na parroquia de Mourazos, en Verín, que durante unhas horas fixo necesaria declarar a situación 2, xa desactivada.

E están estabilizados o de Vilariño de Conso, na parroquia de Mormentelos, que xa leva queimadas unhas 180 hectáreas; e o de Maceda, na parroquia de Castro de Escuadro, que leva queimadas unhas 450 hectáreas.

Amais destes incendios, tamén na provincia de Ourense, este martes deuse por estabilizado o que se declarou este luns en Montederramo, na parroquia de Paredes, que xa queimou unhas 120 hectáreas.

Incendio en Samos

Fóra da provincia de Ourense, arestora o incendio activo de maior entidade é o que afecta á parroquia de Santalla, no concello lugués de Samos, que xa queimou unhas 200 hectáreas, desde que prendese o lume a última hora deste luns.

Amais xa se deron por controlados os da Fonsagrada, en Monteseiro, e o de Monfero, en Queixeiro, que afecta ao Parque Natural das Fragas do Eume, e está estabilizado o da parroquia de Souto na Estrada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade