Baixa o ritmo de contaxios novos en Galicia pero medra a presión hospitalaria
Falece unha persoa diagnosticada por covid-19 no CHUO
Hai xa 273 persoas hospitalizadas, 48 delas nas UCI
As áreas con máis contaxios volven ser Vigo e Ourense
O número de contaxios diarios descendeu en Galicia pero a presión hospitalaria continúa en aumento. Ademais, nas últimas horas faleceu unha persoa diagnosticada por covid-19 no hospital de Ourense.
Galicia rexistra 969 contaxios da covid-19, unha cifra inferior á destes últimos tres días pero que mantén a suba de casos activos. Arestora hai 11.652 persoas coa infección, 417 máis ca este sábado. Hai un mes, non chegabamos sequera ao milleiro.
A situación hospitalaria empeora e o número total de persoas ingresadas chega aos 273. Nas últimas vinte e catro horas, cinco pacientes ingresaron nas UCI onde hai 48 doentes coa covid.
A área de Vigo é a que máis ocupación ten, con 20 pacientes críticos, e só a de Ferrol mantén as súas unidades de coidados intensivos sen doentes coa covid.
Tamén en planta a situación segue empeorando, con 225 persoas en camas convencionais (+16). Máis da metade concéntranse nas áreas de Vigo e Ourense, onde seguen aumentando os ingresos.
Beneficios da vacinación
É certo que o ano pasado a estas alturas había máis ingresos coa metade de casos activos, un dato que demostra os beneficios da vacinación. Con todo, desde que comezou decembro, Galicia suma case 100 persoas máis coa covid nos hospitais. Só neste mes, rexistráronse máis de 9.600 contaxios.
Áreas sanitarias
As dúas áreas sanitarias máis afectadas son Vigo, con 377 casos novos, e Ourense, que segue por riba dos 200. Pontevedra e A Coruña computaron 112 e o resto das áreas manteñen cifras máis baixas.
Vítimas mortais
Este incremento dos contaxios reflíctese tamén no aumento de vítimas mortais. Nas últimas horas faleceu un home de 93 anos que estaba ingresado no hospital de Ourense (CHUO). Diagnosticado por covid-19, presentaba patoloxías previas.
Dende que comezou decembro morreron 25 persoas. En todo o mes anterior perderon a vida 19, e en outubro 14.