Críticas en Noruega a Machado por entregar a Trump a medalla do Nobel da Paz
Machado defendera a véspera o xesto como unha mensaxe de "gratitude" do pobo venezolano
O Instituto Nobel lembra que o premio é intransferible
Trump di que quedou "moi impresionado" de Machado e que seguirán en contacto
Donald Trump recibe a medalla de mans de Machado (Efe)
Políticos de varios partidos noruegueses criticaron este venres a decisión da líder opositora venezolana María Corina Machado de entregarlle ao presidente dos EUA, Donald Trump, a medalla do Premio Nobel da Paz, co que ela foi distinguida o mes pasado en Oslo.
"Aínda que Trump recibise a medalla, iso non significa que gañase o premio da Paz", dixo á televisión pública norueguesa NRK a exministra de Exteriores e deputada liberal Ine Eriksen Søreide.
En declaracións ao mesmo medio, o líder do Partido Centrista, Trygve Slagsvold Vedum, incidiu na mesma idea e sinalou que o feito de Trump aceptase a medalla mostra que é "o clásico parvo que ten que apropiarse das distincións e o traballo doutros".
"Isto é ante todo algo absurdo e sen sentido", afirmou a líder do vermello e verde Partido de Esquerda Socialista, Kirsti Bergstø.
Este partido e outra forza de esquerda, Rødt, ambos os aliados do Goberno laborista en minoría, xa criticaron no seu momento a elección de Machado.
"Agora a medalla Nobel está colgada na oficina de Trump e, desgraciadamente, é unha consecuencia predicible da decisión do Comité Nobel", declarou o portavoz de Política Exterior de Rødt,, Bjørnar Moxnes.
Moxnes mostrouse a favor dunha reforma do Comité do Nobel da Paz, cuxos cinco membros son nomeados polo Parlamento noruegués cada seis anos, segundo a correlación de forzas na Cámara.
O exalcalde de Oslo e expolítico laborista Raymond Johanssen, agora á fronte da ONG Axuda Popular Noruega, tachou o ocorrido de "incriblemente embarazoso e daniño para un dos premios máis importantes e recoñecidos".
O Instituto Nobel Noruegués subliñara a véspera en redes sociais, antes da reunión entre Trump e Machado, que o galardón "non pode revogarse, compartirse nin transferirse a outros", e precisou que "unha medalla pode cambiar de dono, pero o título de Premio Nobel da Paz, non".
"A medalla e o diploma son os símbolos físicos que confirman que un individuo ou unha organización foron galardoados co Nobel da Paz. O premio en si, a honra e o recoñecemento, permanecen inseparablemente unidos á persoa ou organización designados como laureados polo Comité Nobel Noruegués", sinalou o Instituto nun comunicado.
Machado defendeu a véspera o xesto como unha mensaxe de "gratitude" do pobo venezolano polas súas accións para lograr "a súa liberdade".
Eloxios de Trump
O presidente estadounidense, Donald Trump, asegurou este venres que planea seguir en contacto con María Corina Machado, e dixo que é unha muller á "que respecta moito", despois do seu encontro o xoves na Casa Branca.
"Onte tiven unha reunión estupenda cunha persoa á que respecto moito, e ela, obviamente, tamén me respecta a min e ao noso país, e regaloume o seu premio Nobel. Nunca a coñecía antes, e quedei moi impresionado. É unha gran muller", declarou Trump á prensa á súa saída da Casa Branca.
En canto á medalla do premio Nobel coa que a propia Machado obsequiou ao presidente como mostra de "gratitude", Trump dixo que foi un "xesto moi amable".
"Díxome (citando á líder opositora): 'Vostede puxo fin a oito guerras e ninguén na historia merece este premio máis que vostede'. E pareceume un xesto moi bonito. Creo que é unha gran muller e volveremos falar" agregou Trump.