Couceiro, sobre a canteira: "Estamos desprotexidos, o escenario é desolador"
O presidente referiuse á marcha de Noel ao Real Madrid Castela e a perda doutros xogadores
Está tranquilo coa continuidade de Quiles, e o Deportivo terá máis diñeiro para o cadro de xogadores
O presidente do Deportivo Antonio Couceiro avaliou a temporada pasada e anunciou as liñas mestras para a vindeira campaña. Couceiro tamén se referiu á complicada situación que viven no traballo coa canteira. Noel vaise ao Real Madrid Castela e outros xogadores en idade xuvenil ou cadete xa confirmaron a súa marcha a grandes equipos de España e mesmo de Europa.
"Estamos desprotexidos, o escenario é desolador", asegurou o mandatario. Tamén aclarou que o Real Madrid pagará unha compensación por Noel aínda que non estea obrigado.
Sobre a planificación da vindeira temporada, confirmou que o gasto será maior no cadro de xogadores "porque non haberá que facer fronte a indemnizacións" e confirmou que se usaron "sete dos doce millóns dispostos por Abanca".
Couceiro considera o grupo que lle tocou ao Deportivo é "máis potente" que o do ano anterior, pero que farán un equipo plenamente competitivo. Non dubidou da continuidade de Alberto Quiles para a vindeira temporada.