Publicador de contidos

Publicador de contidos

Corina Machado pide estar atentos á transición en Venezuela e di que González debe asumir o poder

Corina Machado pide estar atentos á transición en Venezuela e di que González debe asumir o poder

Machado di que Edmundo González "debe asumir de inmediato o seu mandato constitucional"

A premio Nobel da Paz cualifica estas horas como "decisivas" para Venezuela

María Corina Machado na conferencia de prensa en Oslo o 11 de decembro de 2025. Foto: Reuters/Leonhard Foeger María Corina Machado na conferencia de prensa en Oslo o 11 de decembro de 2025. Foto: Reuters/Leonhard Foeger
G24.gal 03/01/2026 17:06 Última actualización 03/01/2026 18:01

A líder opositora e premio Nobel da Paz 2025, María Corina Machado, chamou este sábado aos venezolanos para estar vixiantes ata que se "concrete a transición" e asegurou que Edmundo González Urrutia "debe asumir de inmediato" o poder en Venezuela, despois de que os Estados Unidos capturaran o presidente Nicolás Maduro no medio dun ataque.

A través dun comunicado, compartido na súa conta de X, Machado chamou aos venezolanos que están no seu país a estar "listos para poñer en marcha" algo que dixo anunciará "moi pronto" a través das súas canles oficiais, sen precisar detalles.

"Chegou a hora de que a soberanía popular e a soberanía nacional rexan no noso país. Imos poñer orde, liberar os presos políticos, construír un país excepcional e traer os nosos fillos de volta á casa", prometeu a nobel da Paz.

A opositora manifestou que os Estados Unidos cumpriu " a súa promesa de facer valer a lei" #ante a "negativa" de Maduro de "aceptar unha saída negociada".

"Nicolás Maduro desde hoxe enfronta a xustiza internacional polos crimes atroces contra os venezolanos e contra cidadáns de moitas outras nacións", subliñou.

Machado reclama a vitoria de González Urrutia, a quen dá como gañador das presidenciais do 28 de xullo de 2024, e rexeita o resultado que outorgou o triunfo a Maduro.

"Esta é a hora dos cidadáns (...). Os que eliximos a Edmundo González Urrutia como lexítimo presidente de Venezuela, quen debe asumir de inmediato o seu mandato constitucional e ser recoñecido como comandante en xefe da Forza Armada Nacional por todos os oficiais e soldados que a integran", instou a exdeputada.

Pola súa parte, González Urrutia dirixiuse aos venezolanos nestas horas que cualificou como "decisivas" e dixo estar listo para a "grande operación da reconstrución" de Venezuela.

Pola súa parte, o presidente dos Estados Unidos dixo este sábado que tería que "analizar" se apoia a premio Nobel da Paz e líder opositora María Corina Machado como líder dunha transición en Venezuela tras a captura do actual mandatario do país suramericano, Nicolás Maduro. Ao preguntárselle sobre esta posibilidade nunha entrevista coa cadea FoxNews, Trump respondeu: "Pois, imos ter que analizalo agora mesmo".

"(En Venezuela) teñen unha vicepresidenta, como saben. É dicir, non sei que tipo de eleccións foron esas, pero, saben, as eleccións de Maduro foron unha vergoña", insistiu o republicano, que acusa o venezolano de liderar unha rede de narcotráfico.

Trump insistiu en que Maduro –a quen Estados Unidos non recoñece como presidente lexítimo de Venezuela– tivo unhas "eleccións amañadas" en 2024, polo que a "xente non sente ningún aprecio por el".

"Tiña moi pouca lealdades, se é que tiña algunha. Era un ditador, un tipo duro, e gobernou con man dura, e a xente non pode crer a sorte que tivo", agregou o presidente estadounidense.

Machado, vista como a figura clave da oposición venezolana, recibiu o Premio Nobel da Paz en 2025 pola súa loita pola democracia no seu país. Tras coñecerse a noticia, a activista e política dedicou o galardón a Trump, quen lle agradecera o xesto en varias ocasións.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade