Conxura celeste para manterse na Primeira División
Agárranse ao factor Balaídos para gañarlle ao Barcelona e non ter que mirar a outros campos
Despois da viaxe a Cádiz, a afección do Celta está chamada a facer un último esforzo na derradeira xornada de liga. Iago Aspas pediu apoio tras a derrota en Cádiz que sitúa os celestes un punto por riba do descenso.
En Cádiz o Celta queimou o penúltimo cartucho. Inoperante e incapaz de facer dano ao adversario, volveu darlle vida a un rival directo pra achegarse á beira do abismo.
A situación é que o Celta depende de si mesmo para lograr a permanencia. Gañando sálvase, e tamén lle vale facer o mesmo resultado que o Valladolid. Ademais, en caso de que empaten os dous a 40 puntos, o average salva o Celta.
Estes son os enfrontamentos da última xornada: hai un Español-Almería, cos pericos xa descendidos, e un duelo dramático entre Valladolid e Xetafe. Se o equipo de Bordalás gaña ou empata, salva o Celta. E os celestes tamén se salvarían se empatan co Barcelona e o Almería perde co Español.
Aidóo saiu de Cádiz cunha lesión muscular e podería ser baixa. Beltrán, antes descartado, quizais chegue. Aspas e Mingueza están baixo mínimos.