Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta cifra o rescate da AP-9 en 2.356 millóns e pide ao Goberno que sexa inmediato

A Xunta cifra o rescate da AP-9 en 2.356 millóns e pide ao Goberno que sexa inmediato

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, cre que esta é "a alternativa máis vantaxosa para o interese público"

A Administración galega reclama ao Estado as competencias para xestionar os aeródromos non comerciais

G24.gal 04/08/2025 10:42 Última actualización 04/08/2025 14:18

A Xunta cifra en 2.356 millóns de euros o potencial rescate da Autoestrada do Atlántico (AP-9), segundo un informe elevado este luns ao Consello da Xunta por parte da Consellería de Infraestruturas. 

Logo de que a Comisión Europea declarara ilegal a prórroga da concesión da explotación da AP-9, o presidente da Xunta esixiu que o Goberno acometa de inmediato o rescate da autoestrada, e asegurou que esta é "a alternativa máis vantaxosa para o interese público".

"Levamos anos pedindo a transferencia do Goberno central e que efectúe o rescate", dixo o presidente da Xunta, quen explicou que desde o ano 2021 a recadación da concesionaria incrementou un 39,7 %.

Rueda recordou tamén compromisos electorais dos socialistas cara á gratuidade da autoestrada e insistiu en que o rescate debe ser inmediato: "Canto máis tempo pase máis caro vai ser para os españois, e tamén para os galegos".

O presidente da Xunta tamén esgrimiu argumentos relacionados coa seguridade viaria para explicar os beneficios dese rescate: "Aumentaría o tráfico na autoestrada e baixaría nas estradas convencionais, especialmente no centro das vilas, as travesías e moitas vías paralelas", dixo Rueda, quen explicou por exemplo que o tráfico pola estrada nacional entre Ordes e Sigüeiro "descendería ata un 76 % e caería ata a metade no enlace entre O Porriño e Tui".

Galicia reclama ao Estado as competencias para xestionar os seus 40 aeródromos non comerciais

O Consello da Xunta tamén aprobou este luns solicitar ao Goberno central as competencias de autorización e xestión dos aeródromos de Galicia que non teñen actividade comercial, uns corenta, quedando excluídos os tres aeroportos galegos de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.

A reclamación inclúe o traspaso dos medios materiais, humanos e económicos para asumir as competencias, segundo explicou Rueda, quen situou esta nova petición de competencias ao Estado na "senda de reforzo do autogoberno" da Xunta, na que hai semanas tamén anunciou a reclamación dos permisos de traballo para estranxeiros, que xa ten Euskadi.

As instalacións que a Administración autonómica quere pasar a xestionar inclúen as que usan as aeronaves de loita contra o lume, transporte sanitario ou escolas de voo privado.

Segundo informou o presidente da Xunta, xa hai conversas co Goberno central e espera que esta transferencia se produza porque o Estatuto de Autonomía de Galicia xa recoñece esta competencia que outras comunidades, como Aragón, xa asumiron hai tempo.

Galicia reclama agora esta competencia porque considera que se trata dun momento "especialmente adecuado", dixo Rueda, dado o impulso da industria de defensa a nivel europeo e do sector aeronáutico en concreto, que emprendeu a Xunta a través dunha estratexia propia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade