Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno di que todas as hipóteses sobre as causas do accidente de Adamuz están abertas

O Goberno di que todas as hipóteses sobre as causas do accidente de Adamuz están abertas

Os carrís do tramo en que se iniciou o descarrilamento e a rodadura do Iryo sinistrado serán analizados en laboratorio

O Goberno defende a independencia da CIAF, a comisión que investiga o sinistro

A CIAF solicitou a Adif os rexistros de circulacións por Adamuz nos dous días anteriores ao suceso e inspeccionará as rodaduras doutros trens que circularon previamente

O ministro do Interior e a ministra portavoz comparecen tras a xuntanza do Consello de Ministros (EFE/Chema Moya)
G24.gal 20/01/2026 11:37 Última actualización 20/01/2026 13:43

O ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, asegurou este martes que "todas as hipóteses" sobre as posibles causas do accidente ferroviario do pasado domingo "están abertas" e que será necesario analizar no laboratorio os carrís do tramo en que se iniciou o descarrilamento e a rodadura do Iryo sinistrado.

Durante a conferencia de prensa posterior ao Consello de Ministros, explicou que os técnicos da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) chegaron a esa conclusión despois de estar inspeccionando o terreo e manter reunións coas empresas e administracións relacionadas co sinistro.

Ademais, a CIAF solicitou a Adif, o xestor da infraestrutura ferroviaria, información sobre os rexistros de circulacións pola localidade cordobesa de Adamuz, lugar do sinistro, nos dous días anteriores ao suceso e vai realizar inspeccións nas rodaduras doutros trens que circularon antes por ese mesmo.

Segundo explicou, a CIAF está en fase de recollida de información e recompilación de documentación e datos dos distintos rexistros, e logo, nas seguintes fases da investigación, realizará análise de laboratorio sobre o material.

"En función do seu resultado, practicará novas actuacións segundo vaian entendendo que sexan necesarias", explicou o ministro, para ilustrar que a investigación está "nesta fase inicial" e que, polo momento, "todas as hipóteses con respecto ás posibles causas do suceso do sinistro están abertas". 

O Goberno defende a independencia da CIAF, a comisión que investiga o sinistro

O Goberno defende a independencia e a profesionalidade dos membros da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF), sobre a que cre que non caben dúbidas.

Na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros, o ministro de Interior, Fernando Grande-Marlaska, asegurou que "non hai ningunha dúbida" da independencia funcional da CIAF, porque a propia norma reguladora así o establece e polo funcionamento demostrado nos últimos anos.

Desde 2007, dixo o ministro, a CIAF leva analizando expedientes, en concreto de 270 sinistros, e "nunca houbo ningunha dúbida" da profesionalidade, o carácter técnico e a finalidade, que é a determinación das causas dos accidentes para evitar a futuro outros incidentes.

A CIAF é un órgano colexiado, formado por un presidente, Ignacio Barrón, e cinco vocais, dos que tres son enxeñeiros (de camiños, canles e portos e industrial e de telecomunicacións, expertos en infraestrutura ferroviaria, material rodante e sinalización e comunicacións). Outro máis é experto en seguridade e circulación ferroviaria e un quinto en explotación dos servizos ferroviarios.

Está adscrito á subsecretaría do Ministerio de Transportes pero traballa en independencia funcional.

Grande-Marlaska asegurou tamén, categórico, que nunca se manexou a opción da sabotaxe como causa do descarrilamento do tren de Iryo co que 20 segundos despois chocou o Alvia de Renfe.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade