Publicador de contidos

Publicador de contidos

Condicións para ter gratis a matrícula universitaria: superar a ABAU en Galicia e aprobar un mínimo de materias

Condicións para ter gratis a matrícula universitaria: superar a ABAU en Galicia e aprobar un mínimo de materias

A Xunta cifra o aforro entre 700 e 800 euros por curso, no caso dos estudos universitarios, e duns 300 nas ensinanzas artísticas superiores

A Xunta de Galicia dá luz verde a máis prazas públicas para persoas con discapacidade

Exame da ABAU (Europa Press/Álvaro Ballesteros)
G24.gal 22/04/2024 14:35 Última actualización 22/04/2024 16:19

O Consello da Xunta aprobou este luns iniciar o procedemento para que as matrículas dos 130 graos universitarios que se imparten en Galicia e das ensinanzas artísticas superiores sexa de balde para os alumnos que accedan ao primeiro curso, e nos sucesivos que superen unha cantidade mínima de créditos.

Segundo, aseguraba o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "é un compromiso electoral" que se vai facer realidade en poucos meses, e destacaba que logo de trece anos coas matrículas conxeladas agora se avanza na gratuidade da educación de xeito que sexa efectivo desde as escolas infantís ata os estudos superiores.

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, explicaba cales eran as condicións para lograr que as matrículas sexan de balde. A primeira delas é que se fixese a ABAU en Galicia. Iso para os alumnos de primeiro curso.

A partir de aí os estudantes non pagarán a matrícula sempre e cando superen unha cantidade de créditos mínimos que varía en función da área de coñecemento na que se inclúen os graos que estudan. Será do 90 por cento para aqueles que estudan ciencias sociais, humanidades ou xurídicas; do 80 por cento para os de ciencias da saúde; e do 65 % para os alumnos de enxeñerías, arquitectura ou ciencias

Séguese así o mesmo baremo que establece o Ministerio de Educación para as bolsas de estudo para "uniformizar" os criterios, asegurou o conselleiro.

Ademais da ABAU a gratuidade no primeiro curso tamén se lles aplicará aos que accedan á universidade a través dun grao superior de Formación Profesional.

Román Rodríguez aseguraba que deste xeito se facía compatible a intención de que aliviar o esforzo económico dos alumnos e das súas familias, que cifrou entre 700 e 800 euros por ano, uns 3.000 euros durante toda a carreira, compaxinando "igualdade de oportunidades coa cultura do esforzo" que implicará ter que aprobar para lograr manter a gratuidade nos sucesivos cursos.

En canto aos prazos para que sexa efectivo no próximo curso, o conselleiro dixo que xa se está en conversas coas universidades para axustar os sistemas e procedementos. Ademais tamén asegurou que en ningún caso as tres universidades públicas galegas verán minguados os seus recursos xa que as matrículas que non paguen os alumnos seranlles bonificadas pola Xunta.

No caso dos estudos artísticos superiores, como quen fai a recadación das matrículas é a propia administración autonómica, agardan que sexa máis sinxelo de implantar. É o caso dos conservatorios, a escola de restauración de Pontevedra, a ESAD de Vigo e as escolas de artes e oficios. No seu caso o aforro calcúlase nuns 380 euros por curso, uns 1.500 ao finalizar os estudos.

A Xunta calcula que se verán beneficiados da matrícula universitaria gratuíta uns 50.000 alumnos, dos que uns 10.000 serán de primeiro ano, e entre uns 1.500 e 1.600 en ensinanzas artísticas superiores.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos