Comezan a sancionar na zona ORA da contorna do hospital de Santiago
Este mércores puido verse como multaron sete coches en menos de dez minutos
Os pacientes do hospital están a favor da medida para evitar coches 'ventosa'
Hai unha semana comezaba a funcionar a zona ORA nas 287 prazas de aparcadoiro que hai nas rúas da contorna do Hospital Clínico de Santiago. Comezaron con avisos nos vehículos e nos parquímetros, pero hoxe xa comezaron a multar. Na rúa Antonio Rama sancionaron sete coches en menos de dez minutos.
Un dos damnificados asegura que o multaron mentres ía buscar o tícket ao parquímetro. Outro asegura que se despistou e que recibiu unha sanción de 60 euros que pode quedar en seis se realiza o pagamento no día.
O obxectivo desta medida é favorecer a rotación de vehículos nunha zona na que é complicado atopar aparcadoiro. Os usuarios din que a medida é efectiva xa que agora é máis sinxelo atopar aparcamento nas inmediacións do hospital Clínico de Santiago.
Non son tan favorables á medida as persoas que traballan nas proximidades do hospital. Din que agora é moi complicado atopar unha praza de estacionamento na que no haxa que pagar. Di que é inxusto pagar por ir traballar.
No que si coinciden uns e outros é en que as prazas de estacionamento no interior do Hospital Clínico son insuficientes. Urxen a Concello e Xunta a buscar unha solución o antes posible.