Comeza na Coruña o xuízo a un home acusado de matar outro ao que lle debía cartos
Comeza na Coruña o xuízo a un home acusado de matar outro ao que lle debía cartos
Acúsanno dun delito de asasinato con aleivosía e asañamento
A Fiscalía pide 21 anos de cadea para o investigado
Os feitos remóntanse ao 23 de setembro de 2021. Segundo o escrito da Fiscalía, o acusado concertou unha cita coa vítima na súa casa do barrio das Flores, na Coruña, para pagarlle unha cantidade de cartos que lle debía, supostamente, por asunto de drogas e que o falecido lle viña reclamando insistentemente desde había meses.
Segundo explica a acusación particular, que pide unha pena de 25 anos de cadea e unha indemnización de 104 mil euros para o fillo do falecido, os forenses determinaron que non había signos de liorta polo que a vítima, di, non puido defenderse.
Di que houbo aleivosía e asañamento porque das 21 feridas de arma branca que presentaba o corpo da vítima, cinco foron fundamentais para causarlle a morte. O resto, asegura, foron para causarlle un dano innecesario.
Pola súa banda, a defensa pide a libre absolución alegando que non hai probas que involucren o seu cliente.
Está previsto que o xuízo se prolongue ata a próxima semana.