Comesaña pide prudencia ante unha cifra de contaxios que segue sendo "excepcionalmente alta"
O titular de Sanidade opina que as altas taxas de vacinación permiten, mesmo así, relaxar o uso da máscara e reducir o tempo dos illamentos
O Conselleiro de Sanidade expresou hoxe a súa preocupación porque o descenso da curva está sendo máis lento e menos contundente do desexado.
"A pandemia non rematou. Estamos a falar de 6.000 casos activos diarios onte, que segue sendo un número especialmente alto e temos que seguir tendo precaución. Afortunadamente a porcentaxe de pacientes que ingresan é pequena", dixo Xulio García Comesaña.
O control nas interaccións sociais das medidas de distanciamento e hixiene e o uso da máscara seguen sendo fundamentais para dobregar a sexta onda. Aínda que o conselleiro tamén é favorable a relaxar o uso en exteriores. Pensa, ademais, que as mellores porcentaxes de vacinación, tanto en segundas como en terceiras doses, permitirían ir a illamentos máis breves que os sete días actuais.
"Seguimos crendo que hai que relaxar ese periodo, é certo que poñendo as medidas que se consideren oportunas, xa sexa una proba para volver incorporarse ou aquelas medidas que se estimen perminentes polos especialistas en Saúde Pública, pero cremos que é o momento, e cada vez máis, de revisar esta duración".
O Sergas inicou hoxe a conovotoria das segundas doses de 48.000 nenos e 5 a 11 anos, e confían en que ao completar a pauta dos pequenos mellore moito a situación xeral da pandemia.
Tamén falou Comesaña da implantación do sistema SIDE, que nas próximas semanas permitirá que os pacientes sexan derivados directamente a especialistas e administrativos se non precisan do médico de cabeceira. Medidas para aliviar unha Atención Primaria cunha rede de 500 centros en Galicia.
"Temos 147 centros de saúde por millón de habitantes que é o triplo do que ten calquera outra comunidade autónoma. Unha cifra que da o nivel do esforzo que temos que facer no eido sanitaroo e financeiro", explicou o Conselleiro de Facenda, Miguel Corgo.
Temos, co 5 % de pobación, o 14 % dos centros de saúde do Estado. O conselleiro de Facenda acompañou o de Sanidade nunha visita esta mañá ao centro de saúde de Campo Lameiro. Anunciaron que en 2022 a atención á saúde leva o 40% do orzamento autonómico. 4.567 millóns de euros, que son a maior cifra dos presupostos públicos galegos dos últimos 40 anos.