Coctelería 100 % galega
Cata de cócteles elaborados a base de augardentes da terra
Non son Margaritas, nin Manhatans, nin Daiquiris. Estes foron bautizados como Miudiño, o Chupito da Avoa Celia e Lembranzas. Non son coñecidos porque é a primeira vez que se puideron probar. Foron os tres cócteles gañadores no último concurso celebrado en Galicia. Aspiran algún día a ser coñecidos tamén por todo o mundo.
"Iso é o que pretendemos, exportar o cóctel galego. Entón hoxe empezamos pola casa", explica Sonia Otero, presidenta da IXP Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.
A Axencia Galega de Calidade Agroalimentaria, xunto co Consello Regulador das Augardentes e Licores Tradicionais e a Asociación Galega de Barmen organizou unha cata de cócteles realizados a base de destilados da terra.
"Este evento trata de achegar esa elaboración dos nosos produtos en coctelería e que a xente poida aprecialos e degustalos", continúa.
Sorprende o ben que mesturan as nosas augardentes.
"Sempre os asociamos para gotas, para café e ao final en coctelería dannos moita gama. O 'oruxo' é un produto moi potente e despois tamén temos as variantes de licor de herbas e de café que nos axudan a dar ese toque de dulzor", apunta Sonia García, creadora do cóctel Lembranzas.
"Como galegos, ao final, temos que tirar un pouquiño polos nosos produtos e aparte de que coñezan o produto pois que vexan que isto é algo que se pode facer na casa, un día que teñas un convite ou calquera cousa", opina María Batán, creadora do cóctel O Chupito da Avoa Celia
Son moitas horas de mesturas, de probas, de acertos e de erros. Satisfeitos co resultados, agora toca ver os seus cócteles formando parte das cartas dos restaurantes.
"A verdade que si, sería unha cousa que obviamente che dá unha satisfacción. Como ben dis, é a primeira vez que imos dar a probar e creo que todo o mundo vai marchar encantado cos nosos cócteles", engade Javier García, creador do cóctel Miudiño.