Claudio: "Asinaría xogar a Conference e quen non asine está descolocado"
O adestrador recupera a Williot para medirse ao Elxe
Causan baixa para o partido Marcos, Vecino, Román e Starfelt
O Celta quere mellorar os números na casa, só gañou catro partidos na Liga
O Celta realizou na mañá deste sábado o último adestramento antes de medirse ao Elxe (domingo, 14 hs). Na sesión confirmamos a volta de Williot á convocatoria, aínda que non está para xogar os 90 minutos. E tamén vimos que Vecino, Miguel Román e Starfelt continúan mancados e o igual que Marcos (por sanción) non van xogar.
Na conferencia de prensa posterior Claudio Giráldez, o adestrador, aclarou que agarda mellorar os resultados e as sensacións nestes cinco partidos que quedan e que, nese sentido, esta semana observou mellor ao equipo, como coas "pilas cargadas". O técnico tamén falou da clasificación; puxo en valor a situación tranquila do Celta e asegurou que asinaba "xogar a Conference League" e quen non o fixese igual "estaba descolocado" con respecto ao que é o Celta.
Na Madroa estivo Tomás Alonso e aquí os deixamos a última hora que el e Irene Lourido nos contaban no Telexornal.