Certificado covid en restaurantes todo o día e nos bares a partir das 21 h
As mesas redúcense a oito comensais en interiores e a quince no exterior
O TSXG debe avalar a extensión do uso do certificado
A Xunta quere estender a obrigatoriedade de presentar o certificado covid tamén á hostalería diúrna, aínda que non de xeito xeneralizado.
Pedirán o certificado covid ou PCR negativa para acceder aos restaurantes durante todo o día. Noutro tipo de locais, como bares ou cafeterías, esixirán ese certificado a partir das nove da noite. Esta decisión débese a que a partir dese horario, din, cambian os hábitos de consumo.
Polo momento non cambian horarios nin as ocupacións, aínda que hai unha redución no número de clientes que poderán sentar na mesma mesa. No interior dos locais hostaleiros pasarán de dez a oito e no exterior de 20 a 15.
Estas medidas para poder implantarse deberán recibir o aval do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e, en canto se reciba, entrará inmediatamente en vigor.
Fontes de vicepresidencia aseguran que esta medida é para esta circunstancia específica. As medidas iranse adaptando á situación sanitaria, tanto para ben como para mal. Se empeora a situación, deberanse tomar medidas máis restritivas e se volve mellorar, as medidas quedarán sen efectividade.
A Xunta e os hostaleiros reuníronse este luns á tarde para falar das medidas que se adoptan no sector ante a repunta dos contaxios.
Os hostaleiros acollen con satisfacción este acordo. Din que o primeiro é a saúde e que isto lles permite seguir traballando. O que non querían era unha limitación de horarios e ocupación, polo que din que pedir o certificado covid vai permitir iso.
Feijóo defende a medida ante un "momento complicado": o Nadal
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendeu este martes o certificado covid en toda a hostalería, sobre todo para o Nadal, "que é un momento complicado para a hostalería e os consumidores".
En declaracións á prensa á súa chegada ao cumio de oito presidentes que se celebra en Santiago, Núñez Feijóo explicou que o seu Goberno tentará xeneralizar este requisito na Comunidade, tendo en conta que xa se emprega para acceder a determinados servizos como o lecer nocturno e albergues de peregrinos que operen ao cento por cento e despois de que a Xunta o requira ademais para visitas a hospitais.
"Imos tentar xeneralizalo na hostalería, pero temos que pedir autorización ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que espero que nola conceda", reiterou o presidente autonómico, que confía en que os tribunais posibiliten este certificado "para asegurar as festas".