Propoñen multar con ata 30.000 euros catro Riazor Blues polos incidentes do Dépor-Leganés
A Policía incautouse de bengalas, armas brancas e martelos nun operativo realizado o pasado 1 de maio nun local frecuentado polos afeccionados ultras
Bengalas comisadas pola Policía Nacional no operativo realizado o pasado 1 de maio na Coruña
A Policía Nacional propuxo sancións de ata 30.000 euros para catro membros dos Riazor Blues en relación cos acontecementos previos á celebración do partido contra o Leganés o pasado 1 de maio.
Na previa deste encontro levouse a cabo un amplo operativo policial nun local frecuentado polos afeccionados ultras do Deportivo, onde foron identificados uns 20 individuos e interviñéronse, paus, luvas, cascos, máscaras, martelos, armas brancas e bengalas, como as que na previa do Deportivo contra o Málaga estiveron a piques de provocar o incendio dun vehículo estacionado á porta do local.
A Comisaría Provincial da Coruña remitiu á Subdelegación do Goberno na Coruña catro propostas de sanción de ata 30.000 euros cada unha.
Segundo as comprobacións realizadas pola Policía, existía un grave risco para a seguridade dentro do local, xa que o material pirotécnico estaba en mal estado.