Cancelación de reservas para fin de ano ante o incremento de contaxios en Galicia
A pesar da situación pandémica, o presidente do Clúster do Turismo Galego cre que 2022 podería ser o mellor Xacobeo da historia
O sector confía en que o AVE atraia máis viaxeiros á comunidade desde o centro do país
O aumento exponencial de contaxios por covid provocou que varias comunidades do país adoptaran xa limitacións de horarios e cabidas na hostalaría. Galicia, con preto de 26.000 casos de Covid, presenta este luns unha das taxas de positividade máis elevadas no que levamos de pandemia.
Un escenario que pon en perigo as celebracións e reservas previstas para a despedir o ano. Así o manifestou este luns na Radio Galega o presidente do Clúster do Turismo de Galicia.
Afirma Cesáreo Pardal que malia carecer de cifras exactas, despois de sondear os representantes das asociacións do sector, si constatan que se están a producir cancelacións de reservas e nalgún caso son os propios restaurantes os que xa optaron por suprimir as ceas que tiñan programadas.
Incide, non obstante, en que os locais son seguros e que os contaxios se producen nas xuntanzas familiares, fora de hoteis e restaurantes. Con todo, o presidente do Clúster apela á responsabilidade cidadá e anima a vacinarse os que aínda non o fixeron.
Predicións para 2022
"2021 deixou magníficas cifras no verán en Galicia. Todo fai pensar que 2022 tamén será un bo ano, a pesar de que as cifras da sexta onda están a provocar moita incerteza no turismo no inicio do novo ano".
Son as afirmacións de Cesáreo Pardal sobre a situación do sector turístico galego neste momento.
Malia as cifras actuais da pandemia, apunta o presidente do Clúster que a prórroga do Ano Santo ao 22 será un importante reclamo para a chegada de turistas e, se os hostaleiros poden traballar en condicións normais, o 2022 podería ser un dos mellores ou incluso o mellor Xacobeo da historia.
Turismo nacional e AVE
No Clúster turístico de Galicia incide na promoción dirixida ao turista nacional, que xunto co galego e parte do portugués axudaron a salvar a temporada actual. O seu presidente confía en que a chegada do AVE á comunidade atraia cada vez máis visitantes a Galicia desde Madrid.
"Poñernos en dúas horas e cuarto en Ourense desde o centro de Madrid fai pensar que virá moita xente empregando este medio de transporte", engade Cesáreo Pardal.