Publicador de contidos

Publicador de contidos

Bruxelas prevé recadar 140.000 millóns de empresas eléctricas e petroleiras

Bruxelas prevé recadar 140.000 millóns de empresas eléctricas e petroleiras

Von der Leyen apela á solidariedade e coraxe de europeos ante un duro inverno

A Comisión Europea propón reducir un 10 % o consumo de electricidade

G24.gal 14/09/2022 11:05 Última actualización 14/09/2022 20:59

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, propón limitar os ingresos das compañías eléctricas e gravar os beneficios extraordinarios das petroleiras para recadar máis de 140.000 millóns de euros.

Será "para que os estados membros mitiguen o golpe directamente", dixo Von der Leyen no seu discurso do Estado da Unión pronunciado ante o Parlamento Europeo.

A Comisión planea poñer un tope ao diñeiro que recibe a xeración eléctrica a partir de renovables, nuclear e lignito así como esixir unha "contribución solidaria" ás empresas de petróleo, gas e carbón que se beneficiaron dos desorbitados prezos da enerxía.

"As grandes empresas de petróleo, gas e carbón tamén obteñen enormes beneficios. Así que teñen que pagar unha parte xusta, teñen que dar unha contribución de crise", dixo a presidenta da Comisión, nun discurso que centrou na resposta europea á invasión de Rusia sobre Ucraína.

Ademais, a Comisión tamén quere que os estados membros aforren un 10 % de electricidade, e polo menos un 5 % en horas con pico de demanda. Esas medidas está previsto que se tomen o 30 de setembro nunha reunión extraordinaria cos ministros de Enerxía dos países da UE.

"Quero que a nosa Unión tome exemplo da súa xente. Reducir a demanda nas horas punta fará que a subministración dure máis tempo, e fará baixar os prezos", dixo Von der Leyen, quen sinalou que "millóns de europeos necesitan axuda" no ámbito enerxético.

A Comisión Europea presentará este mércores os detalles desas propostas, que cualificou como "medidas temporais, de urxencia" para redistribuír elevados ingresos que as compañías eléctricas "nunca contabilizaron, nin sequera soñaron".

Ademais, Bruxelas asegurou que seguirá "traballando para baixar os prezos do gas", en parte tratando con Noruega e Alxeria, os outros dous países que xunto a Rusia entregan gas por gasoduto á Unión Europea.

Reforma do mercado enerxético

Máis alá destas medidas de emerxencia, a Unión Europea traballa nunha reforma do mercado eléctrico que "xa non fai xustiza aos consumidores" co obxectivo de "desvincular a influencia dominante do gas no prezo da electricidade".

Esa reforma completa do mercado enerxético europeo que se está preparando incluirá un "Banco Europeo de Hidróxeno", que este mércores anunciou Von der Leyen, en que se investirán 3.000 millóns de euros nos próximos anos para acelerar o desenvolvemento desta tecnoloxía e seguir reducindo a dependencia rusa.

O xiro cara ás renovables busca ser tamén un freo ao impacto do cambio climático tras un verán de secas e incendios forestais.

"As sancións a Rusia están aquí para quedar"

A presidenta da Comisión Europea tamén asegurou que as sancións que a Unión Europea lle impuxo a Rusia pola invasión de Ucraína "están aquí para quedar", e engadiu que os Vinte e sete tamén manterán o apoio financeiro a Kíiv.

"Quero deixalo moi claro, as sancións están aquí para quedar. Este é o momento de que mostremos determinación, non acougamento. Isto ten que estar moi claro. O mesmo é aplicable ao noso apoio financeiro a Ucraína", afirmou Von der Leyen.

A presidenta da Comisión afirmou que esas sancións son "as máis duras que o mundo viu" e subliñou que o sector financeiro ruso está "en soporte vital" e que se desconectou a tres cuartas partes do sector bancario de Rusia dos mercados internacionais.

"Case mil empresas internacionais abandonaron o país. A produción de coches caeu nun 75 % comparado co ano pasado. (A aeroliña) Aeroflot está a deixar avións en terra porque xa non hai repostos. O exército ruso está a tomar chips de lavalouzas e refrixeradores para arranxar o seu hardware militar porque xa non hai semicondutores. A industria de Rusia está feita cachizas", asegurou.

"Recuperamos a forza interior de Europa"

A presidenta da Comisión Europea defendeu ademais que a UE recuperou "a súa forza interior" e estivo "á altura" ante o desafío da invasión rusa de Ucraína, ante a que "os europeos non se esconderon nin dubidaron".

Ao comezo do seu discurso Von der Leyen contrastou a rapidez da resposta europea á invasión cos "anos" que levou ao bloque comunitario atopar solucións á crise financeira de 2008 ou as "semanas" que se tardou en reaccionar unidos á pandemia de coronavirus en 2020.

"Este ano, desde o momento no que as tropas rusas cruzaron a fronteira, a nosa resposta foi unida, determinada e inmediata. Debemos estar orgullosos diso. Recuperamos a forza interior de Europa", dixo.

Apela á solidariedade e coraxe de europeos ante duro inverno

Ursula von der Leyen urxiu aos cidadáns europeos a que durante o próximo inverno prevalezan a "solidariedade" e "valentía" que o bloque mostrou na súa resposta á invasión rusa de Ucraína, para uns meses nos que se poñerá a proba a unidade exhibida ata o de agora.

"Poñerannos a proba aqueles que queren explotar calquera división entre nós. Isto non só é unha guerra de Rusia contra Ucraína, é contra a nosa enerxía, a nosa economía, os nosos valores e o noso futuro", engadiu a alemá, que se mostrou convencida de que, "con coraxe e solidariedade, Rusia será derrotada e Europa prevalecerá".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade