BNG e PSdeG inician os contactos para investir a Lores alcalde de Pontevedra
BNG e PSdeG inician os contactos para investir a Lores alcalde de Pontevedra
En Santiago, os socialistas aínda non decidiron se entrarán no goberno de Goretti Sanmartín
O pacto máis avanzado é o de Lugo, onde van reeditar a coalición
PSOE e BNG continúan traballando para conformar os novos gobernos municipais que saíron das urnas o 28 de maio.
En Santiago, o BNG ten pechado o acordo con Compostela Aberta, pero segue a incógnita de se o PSOE entrará no goberno local. Os socialistas aprazan a decisión para a próxima semana.
A socialista Mercedes Rosón di: "Hai que afinar ben e pensar ben as cousas para que, se chegamos a un acordo, sexa o mellor para os cidadáns".
"Seguimos coa man tendida e respectando os tempos de cada partido, pero tamén é certo que non podemos estar parados moito máis tempo", di a candidata do BNG á alcaldía, Goretti Sanmartín.
Na Coruña empezaron hoxe as negociacións.
Xosé Manuel Lage Tuñas, do PSdeG, di: "Temos partidos distintos, pero podemos chegar a acordos". No BNG, Avia Veiga di: "vimos con mente aberta e con boa vontade".
Tamén se empezou a negociar este xoves o goberno municipal de Pontevedra, coa incógnita de se haberá bipartito BNG-PSOE ou só apoio para investir alcalde a Miguel Anxo Fernández Lores.
César Mosquera, do BNG, di: "Sentáronse unhas bases boas para concretar a gobernabilidade, pero non se pechou nada nin se vai pechar na próxima xuntanza".
Pola parte socialista Iván Puentes asegura: "Hai vontade de facer gobernable esta cidade por parte das dúas forzas políticas, e veremos como se concreta iso co tempo".
Onde están máis definidas as cousas é en Lugo, onde PSdeG e BNG van reeditar sen moitos cambios o goberno de coalición da última lexislatura.