Publicador de contidos
Publicador de contidos

Biden pausa o envío de armas a Israel ata ver que fai en Rafah

Biden pausa o envío de armas a Israel ata ver que fai en Rafah

Reter o cargamento é unha das únicas medidas de presión que o presidente dos Estados Unidos ten sobre Netanyahu

 

G24.gal 08/05/2024 19:28

O Goberno dos Estados Unidos confirmou este mércores que retivo o envío dun cargamento de armas a Israel mentres estuda como procede no enclave palestino de Rafah, unha das únicas medidas que tiña o presidente, Joe Biden, para influír sobre o seu homólogo, Benjamin Netanyahu.

"Nestes momentos estamos a revisar algúns envíos de asistencia de seguridade a curto prazo no contexto dos acontecementos que se desenvolven en Rafah", afirmou o xefe do Pentágono, o xeneral Lloyd Austin, durante unha comparecencia nun subcomité do Senado.

"Gustaríanos que non ocorresen combates importantes en Rafah, pero o noso enfoque principal é asegurarnos de protexer aos civís", engadiu reiterando a postura que defenderon os Estados Unidos desde hai semanas.

Este era un paso que desde hai meses reclamaban a Biden os sectores do Partido Demócrata considerados progresistas, que se opoñen á guerra de Israel en Gaza. Uns 40 lexisladores, aos que se uniu por sorpresa a influente expresidenta da Cámara de Representantes Nancy Pelosi, pediron hai xustamente un mes á Casa Branca que tomase esta medida de forza fronte a Netanyahu. Fixérono despois de que un ataque israelí matase a sete traballadores da ONG World Central Kitchen.

O xefe do Pentágono non deu detalles este mércores sobre o contido do cargamento retido, aínda que dixo que son "municións de alto calibre". Os Estados Unidos estarían sobre todo preocupado polo uso que Israel faga das máis pesadas en zonas densamente habitadas.

 Na súa comparecencia, con todo, quixo deixar claro que o Goberno dos Estados Unidos "non tomou unha decisión final sobre como proceder con ese envío".

A senadora republicana Susan Collins reprochoulle en nome dos seus compañeiros a decisión: "Pausar ou atrasar a entrega de armas a Israel xa é unha decisión, e é unha coa que a maioría dos membros do Congreso estarían en desacordo". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade