Publicador de contidos
Publicador de contidos

Benítez podería cambiar de sistema para recibir o Real Madrid

Benítez podería cambiar de sistema para recibir o Real Madrid

O Ceta podería xogar con tres centrais como na segunda parte en Anoeta

Para o choque ante o Real Madrid, Benítez pode recuperar o extremo Carles Pérez, un dos fixos no seu once

Foto EFE Foto EFE
G24.gal 21/08/2023 13:27 Última actualización 21/08/2023 13:35

A solidez e a orde que ofreceu o Celta xogando con tres centrais en Anoeta, unido á pegada que está a exhibir o Real Madrid neste inicio de curso, poden motivar que Rafa Benítez cambie o seu debuxo táctico predilecto para o duelo contra o conxunto branco en Balaídos.

O Celta chegou á primeira xornada de Liga mostrándose como un bloque rochoso a nivel defensivo. Pechou a pretemporada con tres partidos sen encaixar –Olympique de Lyon, Wolsfburg e Compostela-, pero na estrea ligueira ante Osasuna mostrou demasiadas debilidades atrás. O adestrador celeste deu continuidade ao 4-4-2 en Anoeta, con Fran Beltrán e Hugo Sotelo na zona de creación, e o seu equipo encaixou o seu terceiro gol en 120 minutos, ademais de conceder un par de ocasións á Real Sociedade.

No descanso, como xa fixera o seu antecesor Carlos Carvalhal nos seus inicios, recorreu á defensa de cinco –tres centrais e dous carrileros- para liquidar os problemas celestes. O Celta, con Aidoo, Unai Núñez e Carl Starfelt no centro do eixo, foi superior ao equipo donostiarra no segundo tempo. Tivo máis presenza na área rival, gozou de varias oportunidades para empatar antes do gol de Mingueza, e converteu a Iván Villar nun espectador máis.

Son vimbias que convidan a pensar nun retoque táctico. Por diante, Benítez ten tres adestramentos para ensaiar ese 5-4-1 que tamén dá máis liberdade a Iago Aspas, de novo decisivo en Anoeta a pesar de non marcar. O plantel celeste retomará mañá, martes, o traballo despois de gozar dunha xornada de descanso.

O corpo técnico citou aos futbolistas ás once da mañá na cidade deportiva Afouteza, onde tamén se exercitará os dous días seguintes. O mércores, día no que o club cumprirá 100 anos, o adestramento será ás cinco da tarde, mentres que ao día seguinte os xogadores volverán ao horario habitual (11:00 horas).

Para o choque ante o Real Madrid, ademais, Benítez pode recuperar ao extremo Carles Pérez, un dos fixos no seu once, e ao dianteiro portugués Gonçalo Paciencia, que non viaxaron a San Sebastián por lesión.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade