Barbero, o goleador que agarda o Deportivo: "O domingo temos unha final"
Mancado durante catro meses, o regreso do dianteiro rearma o ataque dun equipo ao que lle faltou gol
A primeira volta do Deportivo en termos ofensivos deixou moito que desexar. De feito, os máis atinados cara á porta contraria foron os centrais Pablo Vázquez e Pablo Martínez. A ausencia de Iván Barbero, mancado na cuarta xornada no partido diante do Unionistas, foi unha lousa moi pesada para un equipo que suspira pola recuperación plena do que estaba chamado a ser o substituto de Quiles.
"Pode que o equipo notase a ausencia de xogadores de ataque, como o meu caso ou o de Yeremay", recoñeceu o dianteiro. Agora queda unha volta por diante pero terá que coller o ritmo en plena competición e moi afastado das posicións nas que desexaban estar cando comezaron a competición. Barbero marcou un gol esta temporada, no partido diante do Lugo, e espera facer moitos máis.
O atacante non se esconde e sabe que o partido do domingo diante da Ponferradina "é unha final", encontro que se poderá ver pola G2 e por eventos.crtvg.gal a partir das 19:00 horas.