Publicador de contidos

Publicador de contidos

A baixada de contaxios non se reflectirá aínda nas hospitalizacións

A baixada de contaxios non se reflectirá aínda nas hospitalizacións

Galicia vai dobregando a curva de contaxios coa tendencia á baixa

A maioría dos ingresos seguen sendo persoas sen vacinar

É a tendencia do ritmo marcado nas anteriores vagas

G24.gal 24/01/2022 20:24

Galicia vai dobregando a curva de contaxios desta sexta vaga da pandemia coa tendencia á baixa que comezou a fin de semana. Pero para que estes datos positivos se trasladen ás hospitalizacións, teremos que agardar unhas dúas semanas. É a tendencia do ritmo marcado nas anteriores vagas. 

"Ata quince días despois da baixada non empezamos a notar o descenso na hospitalización nas Unidades de Críticos e Reanimación, en que agora mesmo temos unha ocupación alta, igual que nas hospitalizacións en xeral", comentou Mar Vázquez, directora asistencial da área sanitaria de Ourense.

O certo é que nestes momentos todas as áreas hospitalarias de Galicia teñen un alto nivel de ocupación tanto en planta coma nas UCI. Por iso, os expertos lembran que a maioría dos ingresos por covid–19 seguen a ser persoas sen vacinar.

"Pode haber oscilación duns días para outros, pero en xeral a maioría dos pacientes que precisan atención nas Unidades de Coidados Intensivos non recibiu a pauta de vacinación", asegurou Mar Vázquez, directora asistencial da área sanitaria de Ourense.

A área sanitaria de Vigo é a que conta cunha baixada máis acentuada dos casos, a pesar de ser a que sufriu con máis forza esta sexta vaga. Pero os novos contaxios seguen en niveis altos; este luns rexistráronse máis de mil. É unha tendencia que se repite en Galicia, por iso Saúde Pública insiste en non baixar a garda.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade